Un espazo de debate sobre turismo, cultura e poboación no sur de Lugo
A Rectoral de Castillón, en Pantón, acolle o I Foro Ribeira Sacra, un encontro para analizar o modelo turístico da zona, a súa relación co Patrimonio da Humanidade e a súa sustentabilidade para as persoas da comarca

A Rectoral de Castrillón, o marco perfecto para falar de turismo, cultura e poboación
Lugo - Publicado el - Actualizado
3 min lectura0:59 min escucha
Un foro para a reflexión sobre o modelo turístico no sur da provincia de Lugo. O I Foro Ribeira Sacra, organizado pola Asociación Cultural Segredos de Pantón, buscará abordar os retos e oportunidades do turismo nun territorio recoñecido pola súa singularidade e beleza natural.
Este evento, que terá lugar este sábado 26 de abril na Rectoral de Castillón, pretende ser un espazo de reflexión e participación activa para todos aqueles interesados en mellorar a xestión turística e cultural da zona, co foco posto en que a poboación local sexa parte activa do proceso.
Unha xornada de debate e interacción
A xornada comezará ás 9:30 horas coa apertura oficial a cargo de Lucas Vázquez, presidente de Segredos de Pantón, e Iria Castro, deputada da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Durante as primeiras horas, de 9:45 a 11:00 horas, terá lugar a mesa redonda sobre o "Modelo Turístico e Patrimonio da Humanidade", na que participarán destacadas personalidades como Xosé Regueira, deputado da Deputación da Coruña; José Antonio Quiroga, director do Ecomuseo de Arxeriz; Iván Antonio Álvarez, membro do comité científico do Xeoparque Montañas do Courel; ou Mario Crecente, presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, entre outros.
A continuación, de 11:00 a 12:15 horas, discutirase a "Visión turístico-cultural da comunidade local", con especial atención ao sector vitivinícola. Viticultores da zona como Xabier López, David Álvarez, Héctor Ferreiro, Carlos Fernández e Purificación Díaz compartiran a súa perspectiva sobre como o viño e a tradición vitivinícola poden contribuir ao desenvolvemento turístico e cultural da Ribeira Sacra.
De 12:15 a 14:00 horas, terá lugar a mesa sobre como "Acadar a sustentabilidade entre turismo, cultura e poboación". Participarán expertos como Jackson R. Soares, profesor da Universidade da Coruña (UDC); Manuel Ramos, historiador de arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Rubén Lois, catedrático de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Xurxo Ayán, doutor en Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e arqueólogo; e Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
AS PERSOAS DA COMARCA no centro da xornada
Un dos aspectos máis innovadores deste foro é a inclusión da poboación local como protagonista, destacando o papel fundamental dos viticultores na conservación e promoción da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.
Segredos de Pantón destaca que, ata o momento, as políticas turísticas e culturais enfocáronse principalmente no territorio, deixando en segundo plano as persoas que o habitan. Este foro busca dar voz a esas persoas, valorando a súa implicación no proceso e as súas opinións sobre o futuro do territorio.
A xornada será tamén unha oportunidade para gozar da cultura local, como demostra a actuación musical de Peitoescuro durante a pausa-café, un dos grupos máis representativos da música tradicional da Ribeira Sacra.
importancia da colaboración e a participación cidadá
Segredos de Pantón destaca a colaboración de diversas entidades para a realización deste evento, como o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, o Concello de Pantón, o Ecomuseo de Arxeriz e a Adega Abadía da Cova. Grazas a esta cooperación, poderase realizar unha xornada enriquecedora que contribuirá a mellorar a xestión turística e cultural da Ribeira Sacra.
Inscricións abertas e prazas limitadas
A organización fai un chamamento á participación activa e invita a todas as persoas interesadas en aportar a súa visión sobre a Ribeira Sacra a que se inscriban na web oficial do evento: Foro Ribeira Sacra. As prazas son limitadas, polo que recoméndase inscribirse canto antes para garantir a súa asistencia.



