A Lanzada viaxa á Idade Media cunha nova festa cultural impulsada polo Concello de Sanxenxo
A cita, que terá lugar do 20 ao 22 de xuño, recuperará lendas, tradicións e espectáculos nun ambiente festivo e participativo para todos os públicos

Pontevedra - Publicado el - Actualizado
2 min lectura6:36 min escucha
O Concello de Sanxenxo organiza “A Lanzada na Historia”, unha nova proposta cultural coa que busca poñer en valor o patrimonio, a historia e a tradición dun enclave emblemático das Rías Baixas. A festa celebrarase do 20 ao 22 de xuño nos arredores da torre de A Lanzada —declarada Ben de Interese Cultural (BIC) dende 1985— e na explanada onde teñen lugar as festas patronais.
A concelleira de Cultura, Elena Torres, e membros da Comisión de Festas de A Lanzada presentaron este mércores a programación dun evento que pretende converter A Lanzada nun espazo vivo da Idade Media, con mercado tradicional, música, teatro, xogos populares e recreacións históricas.
Unha festa pensada para todos os públicos
“Con esta festa queremos revivir a historia e a lenda dun lugar excepcional, onde conflúen a arqueoloxía, a cultura popular e as tradicións orais”, destacou Elena Torres, quen animou á veciñanza e visitantes a acudir vestidos de época para vivir a experiencia medieval. “Agardamos que A Lanzada na Historia se consolide como unha cita imprescindible no calendario das Rías Baixas”, engadiu.
Pola súa banda, Raquel Valladares, da comisión de festas, animou a participar: “Vai haber actividades para todos os públicos, desde os máis pequenos ata os maiores”.
Tres días de festa medieval entre a música, os xogos e a tradición
A programación comezará o venres 20, ás 16:00 horas, coa apertura do mercado medieval. Media hora máis tarde terá lugar o pregón inaugural, a cargo da concelleira de Educación e veciña da parroquia, Nati Parada. A xornada incluirá tamén a música de Os do Barro, a actuación de Os Firrás (21:30 h) e unha queimada tradicional (23:30 h).
O sábado 21 abrirase novamente o mercado ás 10:00 horas. A mañá contará con tiro con arco (11:00 h) e o concerto de Arroba de Viño (13:00 h). Pola tarde, haberá xogos populares como tirasoga, carreira de sacos e de carretas (16:00 h), loita medieval (18:00 h) e concerto de A Banda do Sequío (21:30 h). Ás 23:30 h celebrarase a representación do mítico rito das nove olas, unha das tradicións máis recoñecidas da zona.
Durante toda a xornada tamén haberá noria, barca e xogos populares para os máis pequenos.
A festa pecharase o domingo 22 coa continuidade do mercado medieval e unha nova actuación de Arroba de Viño ás 13:00 horas.



