Temes (Lugo) e Celaguantes (Ourense) dan comezo á segunda fase do proceso participativo da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial
Unha andaina guiada, unha charla patrimonial e unha foliada-vermú reunirán o domingo 9 de novembro ás comunidades de ambos lugares, simbolizando a unidade e cooperación veciñal que inspira a candidatura

Xosé Gago, responsable de participación na Candidatura Ribeira Sacra
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura6:05 min escucha
Un encontro para fortalecer lazos e coñecer o patrimonio común. O vindeiro domingo 9 de novembro, as parroquias de Temes (Carballedo) e Celaguantes (A Peroxa) acollerán unha xornada comunitaria coa que se abre a segunda fase do proceso participativo da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.
A proposta, aberta a toda a cidadanía, combina patrimonio, natureza e convivencia, e conta coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Visita guiada e andaina entre parroquias

Actividades para o domingo 9 de novembro
A xornada comezará ás 10:00 horas na igrexa parroquial de Temes, onde se realizará unha visita guiada ao templo e ao sartego paleocristián de Temes, unha das pezas máis singulares do patrimonio relixioso da zona.
Tras a visita, iniciarase unha andaina de aproximadamente 3 quilómetros e dificultade baixa que unirá Temes coa parroquia veciña de Celaguantes. A chegada está prevista arredor das 12:00 horas, cando se realizará unha segunda visita á igrexa parroquial e posteriormente unha charla con proxección de imaxes sobre a historia e o patrimonio das dúas comunidades.
Tanto a visita como a charla estarán conducidas por Carlos Vázquez, arqueólogo da empresa Tempos, responsable dun recente estudo histórico sobre ambas parroquias.
“Se chove un pouquiño, a idea é manter igualmente a actividade; recoméndase que a xente veña con chuvasqueiro, paraugas e calzado axeitado”, explica Xosé Gago, responsable de participación na Candidatura Ribeira Sacra, aínda que engade cun sorriso que “quizais nin faga falta”.
Foliada, xantar e celebración comunitaria
Rematada a parte divulgativa, o encontro continuará cunha foliada-vermú amenizada polo grupo Os Ministreles, á que se invita a participar levando instrumentos para sumarse á música popular.
A actividade culminará cun xantar comunitario ofrecido pola veciñanza, con caldo e castañas asadas, e recoméndase ás persoas asistentes levar cunca e culler.
Participación e colaboración veciñal: un exemplo de unión
Esta iniciativa xorde no marco do proceso participativo de 2024, no que Celaguantes non contaba con asociación veciñal. Froito das reunións impulsadas pola candidatura, creouse finalmente unha entidade que xa organiza actividades e colabora de maneira activa coa comunidade de Temes.
Dende Participa Ribeira Sacra, promotora do encontro, subliñan que este tipo de actividades son un exemplo da unión entre parroquias, concellos e provincias, e que o seu obxectivo é abrir vías de intercambio de saberes entre veciñanza e profesionais do patrimonio, como punto de partida para proxectos máis amplos cara ao ano 2026.
mais información
As persoas interesadas poden contactar con Xosé Gago no teléfono 666 435 832.



