A Foliada da Fonsagrada consolídase: dunha broma entre amigos a unha festa que enche a vila de vida
A Foliada da Fonsagrada celebra do 5 ao 7 de decembro a súa décima edición convertida xa nun acontecemento que dinamiza a vila, atrae milleiros de persoas e enche de ledicia aos negocios e aos propios veciños quen aseguran que cada ano medra a calidade dos grupos participantes e o interese por formar parte desta celebración que conta tamén co respaldo do Concello

Angel Gegunde, un dos organizadores, cóntalles aos ovintes de COPE Lugo
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura10:19 min escucha
O que comezou como unha brincadeira entre amizades é hoxe un dos eventos máis agardados na Montaña lucense. A Foliada da Fonsagrada chega ao seu décimo aniversario con máis forza ca nunca, un programa cada vez máis completo e unha participación que non deixa de aumentar. Así o destacaba Ángel Gegunde, un dos organizadores, aos micrófonos de COPE Lugo asegurando que cada ano se suman grupos de maior nivel e que moitos xa están desexando participar en futuras edicións. A festa foi ademais presentada na Casa do Concello, un apoio institucional que contribúe a consolidar esta cita como un referente cultural, musical e gastronómico na comarca.
Un cartel musical de luxo
A música volverá ser a alma da Foliada, con presenza constante durante as tres xornadas. No escenario pasarán bandas e artistas como Unto Vello, El Nido, Delameseta, Os Melidaos, De Ninghures, Baiuca e a Duendeneta, ademais dos tradicionais pasacalles que animarán as rúas da Fonsagrada.
Un cartel que rende homenaxe á tradición
A ilustración deste ano, creada por Pruden Tattoo e inspirada no trazo de Xosé Vizoso, fai unha homenaxe a figuras e esencias da cultura local. Na imaxe, xente que come, bebe, toca e celebra, persoas nas que máis dun recoñecerá caras como Modesta —a cega de Noceda—, o violín de Florencio dos Vilares, Serxio da Veiga, Emilio do Pando ou Herminio Villaverde. Un cartel que respira memoria e identidade, perfectamente acorde co espírito da Foliada.
PROGRAMA DA FOLIADA DA FONSAGRADA 2025
Venres, 5 de decembro: Ás 11.00 horas comezará a xornada coa Ruta da Mina das Talladas, sempre que o tempo acompañe. Ás 18.00 horas celebrarase o obradoiro O pouso da violencia, impartido por Branca Villares. Ás 19.30 horas será a quenda do taller de recursos de improvisación de percusión para acompañamento, con Andrea e Alejandra Montero. Ás 20.00 horas proxectaranse as pezas O Rural Imaxinado e Sabvia Interior. Ás 20.30 horas terá lugar o taller de baile con Cris Canosa. Ás 21.30 horas a música será protagonista cos concertos de Unto Vello, El Nido e Delameseta.
Sábado, 6 de decembro: Ás 11.00 horas abrirá a Feira de Artesanía, que permanecerá activa durante todo o día. Ás 12.00 horas celebrarase o vermú con Párbo e Tona. Ás 17.00 horas presentarase o libro Arte Menor. Ás 18.00 horas será a presentación do libro O violín que trae o vento. Ás 19.00 horas desenvolverase o coloquio e avance do documental 360 curvas. Ás 21.00 horas a noite animarase cos concertos de Os Melidaos, De Ninghures, Baiuca e a Duendeneta.
Domingo, 7 de decembro: Ás 12.30 horas as rúas enchéranse co pasacalles do grupo Seimeira. Ás 18.00 horas chegarán os tradicionais cantos de taberna, un dos momentos máis celebrados polos asistentes. Ás 21.00 horas poñerase o broche final coa gran butelada, que incluirá tamén opción vegana, e coa que se dará por rematada esta décima edición da Foliada da Fonsagrada.



