Fernando Rois seguirá ligado ao "movemento veciñal" como novo voceiro da federación Lugo Rural Importa
O expresidente de Cogave abandoou "por discrepancias" o outro conglomerado de asociacións de veciños da provincia, Lucus Augusti, onde exercía como número dous da entidade

Fernando Rois é o novo voceiro da federación veciñal Lugo Rural Importa
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
A Federación de Asociacións de Veciños Lugo Rural Importa continúa a súa expansión e consolidación como plataforma de representación veciñal a nivel provincial, sumando incorporacións de relevancia como a de Fernando Rois, novo voceiro da entidade.
O que fora presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave) abandoou "por discrepancias" o outro conglomerado veciñal da provincia, a federación Lucus Augusti, da que era vicepresidente.

Jesús Vázquez é o presidente da federación veciñal Lucus Augusti
"CARÁCTER PLURAl, ABERTO E PARTICIPATIVO"
Na última semana, a xunta directiva da nova federación celebrou unha xuntanza na que se formalizou a incorporación de novas asociacións veciñais procedentes de distintos puntos do territorio lucense, reforzando así o "carácter plural, aberto e participativo" da entidade, segundo aseguraron nun comunicado.
Con este impulso, a federación convocou unha asemblea xeral extraordinaria, na que se abordaron "diversos asuntos de interese para o colectivo", entre os que destacou a renovación parcial dos cargos da xunta directiva.
"Esta actualización responde á vontade de reforzar a estrutura interna da federación para afrontar con maior eficacia os retos de representación, interlocución institucional e defensa dos intereses veciñais", indicaron dende a federación.
DIRECTIVA RENOVADA E CON NOVAS RESPONSABILIDADES
A actual xunta directiva da federación queda composta por:
• Presidenta: Cecilia Vázquez García
• Vicepresidentes: Antonio Abuín Barreiro e Christian Fernández Díaz
• Secretario: Fernando Mallo Fernández
• Tesoureiro: Miguel Couto Alonso
• Vocais: Francisco Javier Burgo Varela e Fernando Rois Rois
Neste novo organigrama, Francisco Javier Burgo asume a "responsabilidade de coordinar e dinamizar a presenza da federación nas redes sociais", mentres que Fernando Rois exercerá "como voceiro, canalizando a comunicación externa e representando á federación ante os medios e nos actos institucionais".
Dende a federación destacan que a incorporación de novas asociacións e persoas á estrutura directiva supón "unha suma de forzas, capacidades e territorios que nos permitirá afrontar con maior cohesión os nosos obxectivos: mellorar infraestruturas, servizos públicos, participación cidadá e equilibrio territorial".
Neste senso, "a federación continúa aberta á incorporación de novas entidades veciñais que compartan os seus principios de independencia, traballo conxunto e defensa activa do interese xeral".
Así mesmo, manteñen activa unha "campaña de explicación dos obxectivos fundacionais da federación dirixida a asociacións de toda a provincia", co fin de propiciar novas incorporacións nas vindeiras semanas.



