Comezar a casa polo tellado: arrancan en Lugo os traballos de renovación da cuberta no Pazo dos Deportes
As obras para mellorar o recinto no que xogan o Breogán e o Ensino foron contratadas por máis de 600.000 euros e teñen un prazo de execución de catro meses

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, supervisou o inicio das obras no Pazo dos Deportes
Lugo - Publicado el - Actualizado
1 min lectura
Esta semana comezaron os traballos de reparación da cuberta do Pazo dos Deportes, unha actuación integral coa que se impermeabilizarán os 8.500 cadrados de superficie do tellado cunha membrana de poliurea. Trátase dunha actuación financiada pola Deputación de Lugo para renovar o teito do recinto deportivo no que xogan os seus partidos o Club Baloncesto Breogán e o Ensino Lugo CB.
O vicepresidente do organismo provincial, o nacionalista Efrén Castro, achegouse ao recinto, onde xa se están a desenvolver as primeiras tarefas de limpeza dos paneis que conforman a envolvente e outros traballos previos á aplicación do polímero sintético.
As obras, adxudicadas en 608.000 euros, teñen un prazo de execución de catro meses e contemplan, ademais da reparación da superficie da cuberta, actuacións nos canalóns e baixantes para mellorar a evacuación da auga da chuvia.
"o maior investimento realizado no pazo"
O vicepresidente da Deputación encadrou "esta actuación integral na cuberta no plan de mellora e modernización das instalacións que vimos desenvolvendo nos últimos anos" e explicou "que se trata do maior investimento realizado ata agora no Pazo, co obxectivo de dar unha solución definitiva aos problemas da cuberta e optando por unha fórmula compatibleco uso habitual da instalación por parte de CB Breogán e Ensino".
Ademais do inicio das obras na cuberta, nestes días comezou tamén a substitución das luminarias da explanada da entrada principal do Pazo e das pistas laterais exteriores por outras de tecnoloxía LED.

Imaxe do Pazo nun partido do Breogán
ACTUACIÓNS NA PISTA
A Vicepresidencia da Deputación está tamén a tramitar a contratación de melloras na pista do Pazo.
A intervención, valorada en 20.000 euros, incluirá a restauración do pavimento e o pintado e matizado da cancha, garantindo o mantemento da superficie de xogo nas condicións requeridas pola normativa.