Arundo Donax Ensemble: vento madeira ao poder dende Lugo
Un grupo de músicos de toda a provincia, baixo a batuta do prestixioso director David Fiuza, poñen en marcha un novidoso proxecto enfocado á divulgación da música de cámara

O clarinetista viveirense Carlos Timiraos é un dos fundadores do Arundo Donax Ensemble
Lugo - Publicado el - Actualizado
4 min lectura
Segundo a Wikipedia, a cana común (Arundo donax) é unha especie de planta herbácea, semellante ao bambú, que tradicionalmente se emprega para a produción de lingüetas para instrumentos de vento madeira, como o clarinete e o saxofón, de lingüeta simple; ou o óboe e o fagot, de lingüeta dupla. Curiosamente, a cana é unha especie común en Galicia, ao igual que os músicos que tocan estes instrumentos, que proliferan nas bandas de música que enchen de vida e ledicia as nosas vilas e parroquias.
Baixo esta fermosa premisa, neste 2025 xorde un novidoso proxecto con base na cidade de Lugo, pero que inclúe a músicos de todos os recunchos da provincia. Nunha tradicional "sobremesa galega", desas nas que nacen as mellores ideas, Carlos Timiraos, Manuel Montero e Adrián Balboa pensaron en poñer en marcha unha iniciativa para divulgar a música de cámara a todos os niveis, desde unha perspectiva profesional e didáctica.
UN PROXECTO "MADE IN LUGO"
Deste xeito, comeza a dar os seus primeiros pasos o Arundo Donax Ensemble, cos obxectivos principais de fomentar a relación entre músicos de vento madeira da provincia, dinamizar a música lucense e os seus músicos, estimular a creación dunha rede intermusical, divulgar a linguaxe dunha formación nova para a provincia e, por suposto, potenciar o traballo en equipo.
Para iso, buscan a unha persoa que lidere a formación de xeito axeitado, e atopan o perfil idóneo: o dezao David Fiuza, actual director da Gran Canaria Wind Orquesta, da Banda Sinfónica Galega e da Banda Municipal de Lugo, e que conta cunha inmellorable formación e experiencia na dirección de diferentes proxectos musicais ao longo de todo o país.
Paralelamente, nos últimos meses poñen en marcha un proceso de selección de compoñentes, no que establecen unhas bases moi claras: teñen que ser músicos de vento madeira en calquera das súas especialidades -frautas, óboes, clarinetes e saxofóns- e teñen que ter unha formación superior ao 5º curso de Grao Profesional, para garantir a solvencia dun conxunto destas características.

O primeiro ensaio do Arundo Donax Ensemble tivo lugar no auditorio do Conservatorio Xoán Montes de Lugo
Pasado xa este proceso inicial, aínda que abertos a futuras incorporacións, o pasado domingo 1 de xuño tivo lugar no Conservatorio Xoán Montes de Lugo o primeiro ensaio da formación, co obxectivo principal de facer unha análise en profundidade das obras emulando un traballo de música de cámara a nivel profesional, prestando especial atención a aspectos técnicos como a sonoridade, a afinación ou a articulación, coa finalidade de lograr unha mellora constante da vintena de músicos asistentes.
A partir de aí, os ensaios que veñan efectuaranse en domingos aleatorios, con posibilidade de traballo intensivo, todo baixo as necesidades do repertorio e as indicacións do mestre.
REPERTORIO VARIADO E PARA "TUTTI"
E cal é o repertorio e cando o poderemos escoitar? Pois ben, o primeiro programa no que está a traballar o Arundo Donax Ensemble leva por título Serenata para tutti e estrearase no XI Outono Musical "Lourdes Vázquez Ledo" de Chantada, no Auditorio Municipal.
Históricamente coñecemos as serenatas como os concertos programados á noitiña, para divulgar a música clásica en todo tipo de contextos, coa intención de romper a barreira social de clases que existía na cultura elitista da época, onde as grandes salas de concerto eran alcanzables unicamente para a aristocracia e a burguesía.
Neste caldo de cultivo nace o fenómeno da Harmoniemusik (grupos de cámara formados por instrumentos de vento), que alcanza a súa época de esplendor no século XVIII, ao ofrecer arranxos do repertorio clásico da época, sinfónico e operístico, en formato camerístico, e tocando serenatas nas localidades máis pequenas e sen exclusións de clase social.
Así, baixo os ideais de achegar a gran música a "tutti" e facilitar a cultura á sociedade do século XXI, consolídase un dos obxectivos que nacen da inquietude latente deste proxecto.
Por este motivo xorde este programa de serenata, co obxectivo de achegar a mellor música a diferentes contextos xeográficos da provincia, mediante un formato moderno de Harmoniemusik, no que se incorporan tímbricas e sonoridades totalmente renovadas ao incluír a organoloxía completa dos instrumentos de vento madeira.

Foto de familia do Arundo Donax Ensemble diante do Conservatorio Xoán Montes de Lugo
En canto á elección do repertorio, o programa configúrase cunha selección da música máis coñecida dos últimos catro séculos da historia da música occidental.
En concreto, trátase dunha viaxe cun espectro estilístico moi amplo, que comeza na polifonía do órgano barroco de Johann Sebastian Bach, coa súa Toccata e fuga en re menor, pasando pola expresión máis sublime da beleza romántica co Idilio de Sigfrido de Richard Wagner e as Danzas Húngaras de Johannes Brahms, e achegándonos ao universo da danza da man do impresionismo da Petite Suite de Claude Debussy e dos sons máis contemporáneos do galés Adam Gorb, autor da Suite for Woodwinds, única obra orixinal para conxunto de cámara -o resto son arranxos efectuados ad hoc polo propio director, David Fiuza-.
Deste xeito, emulando ao histórico grupo de vento madeira Harmonie, dende os trece instrumentos mozartianos da Gran Partita e pasando polas serenatas de Antonín Dvorák ou Richard Strauss, o Arundo Donax Ensemble comeza a percorrer o seu camiño, levando ao poder o vento madeira dende Lugo.



