"Quero ser investigadora": a UVigo impulsa referentes femininos na investigación con novas voces e formato inclusivo
Entrevistamos a Emma Torres e Silvia García, dúas das investigadoras do catálogo impulsado pola Universidade de Vigo que inclúe testemuños inspiradores, versión accesible e audiolibro narrado polas propias protagonistas

Pontevedra - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
A Universidade de Vigo reafirma o seu compromiso coa divulgación científica e co liderado feminino na investigación coa quinta edición de Quero ser investigadora, un catálogo que busca despertar vocacións científicas entre as novas xeracións, poñendo o foco nas nenas e rapazas.
A nova entrega renóvase en formato, estilo e soporte para achegarse aínda máis ao seu público: incorpora entrevistas en estilo directo, unha versión en lectura fácil e un audiolibro narrado polas dez investigadoras protagonistas, pertencentes a áreas como a astrofísica, nanotecnoloxía, belas artes, comunicación ou microbioloxía.
A súa presentación tivo lugar na expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, celebrada en Lalín, e o catálogo será distribuído dixitalmente e en preto de 200 centros educativos galegos, acompañado dunha guía didáctica e contidos interactivos. A iniciativa enmárcase no Plan de Ciencia de Ida e Volta da Unidade de Cultura Científica da UVigo e conta co apoio da FECYT.
Avances en igualdade, pero con retos pendentes
As investigadoras Silvia García González (Belas Artes e Deseño) e Emma Torres Romay (decana da Facultade de Comunicación) subliñan os avances da UVigo en igualdade, onde se está a achegar ao 50% de mulleres na investigación, un dato “moi halagador” fronte a outras universidades.
Porén, ambas coinciden en que aínda existen desequilibrios entre áreas, cunha menor presenza de mulleres nas ramas científico-tecnolóxicas. Ademais, apuntan a unha falta de liderado feminino en proxectos e grupos de investigación, motivada en parte por cuestións de conciliación ou saúde mental.
Silvia García defende que é necesario “mudar o xeito de liderar” para facelo compatible cunha vida persoal plena. Emma Torres engade que contar con referentes femininas visíbeis, como ocorre no fútbol ou noutras áreas, é clave para que as rapazas “vean posible o que antes parecía inalcanzable”.
Intelixencia artificial: ferramenta ou ameaza?
Outro dos temas abordados foi o impacto da intelixencia artificial na investigación. Emma Torres considera que pode ser unha ferramenta útil para optimizar procesos e recursos, pero sempre baixo un uso ético e regulado. Destaca o seu potencial como aliada na docencia e na investigación.
Silvia García, desde o eido das artes e do deseño, mostra máis cautela: advirte que a IA pode supoñer un risco para a autoría e os dereitos dos creadores, especialmente nun sector “xa de por si precarizado”. “É esencial protexer o traballo artístico e manter vivo o labor dos profesionais que crean”, afirma.
Unha aposta pola igualdade e a cultura científica
Quero ser investigadora é moito máis que un catálogo: é unha ferramenta de inspiración, un recurso educativo e un vehículo para visibilizar o papel das mulleres na ciencia galega. Un paso máis da UVigo para construír referentes, fomentar vocacións e avanzar cara a un futuro investigador máis inclusivo e igualitario.