¿Que son os puntos laranxa? Os centros educativos galegos habilitan buzóns para denunciar casos de acoso escolar
Consiste nunha caixa de correos para poder informar, de xeito anónimo, sobre calquera posible situación de acoso que sufra o interesado ou que perciba noutros compañeiros

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitou este mércores o IES Muralla Romana
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
A Xunta de Galicia está a desenvolver o 'Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar 2023-2025', un conxunto de medidas dirixidas a lograr que os centros educativos “sexan espazos seguros e respectuosos para todos os alumnos e alumnas”. Así o explicou o delegado territorial da administración galega en Lugo, Javier Arias, no marco dunha visita ao IES Muralla Romana -situado na capital lucense-, para promover o uso dos “Puntos laranxa”.
Arias explicou que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional estendeu esta iniciativa a todos os centros escolares sostidos con fondos públicos. Consiste nunha caixa de correos para poder informar, de xeito anónimo, sobre calquera posible situación de acoso que sufra o interesado ou que perciba noutros compañeiros.
- O “Punto laranxa” ten unha imaxe perfectamente identificable e debe ser accesible para todo o alumnado, tanto a instalación física como o acceso dixital, mediante un enlace na web.
Mentras exista un só caso, é preciso seguir traballando para erradicar calquera conduta de acoso”
Delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo
O delegado invitou a utilizar esta ferramenta, que garante o anonimato, “para trasladar condutas que atentan contra a convivencia, mesmo as que se producen a través das redes sociais e transcenden o ámbito educativo, porque poden provocar graves consecuencias”. A Xunta tamén está instalando os “Puntos laranxa” en lugares como a rede de centros do Espazo Xove ou as residencias xuvenís.
Outros recursos
Arias indicou que en xeral os centros educativos galegos presentan un bo clima de convivencia, segundo as macroenquisas que realiza periodicamente a Consellería, “pero, mentras exista un só caso, é preciso seguir traballando para erradicar calquera conduta de acoso”.
Neste sentido, sinalou que este curso púxose en marcha un novo recurso, o Termómetro Acoso Escolar, un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poden activar os docentes ante calquera sospeita para testar a situación dunha, varias ou todas as aulas.

O delegado da Xunta dixo que a convivencia nos centros escolares galegos é boa
Utilizarase nos últimos cursos de educación primaria (5º e 6º) e en secundaria, bacharelato e FP. Unha vez que o alumnado complete a enquisa, xerarase de forma automática un informe detallado con indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.
O 'Plan integral da Xunta contra o acoso escolar e o ciberacos'o contempla outras iniciativas para potenciar a formación do profesorado e a participación das familias, e impulsa accións de dinamización para reforzar a cultura do respecto e a tolerancia na infancia e a adolescencia.
Ademais, o goberno galego introduce nas aulas outros programas dirixidos a velar polo benestar emocional do alumnado, como o proxecto de prevención da conduta suicida, ao que tamén está adherido o IES Muralla Romana.