Preto de 300 granxas da provincia de Lugo recibirán axudas da Deputación para a recría de vacas da raza Rubia Galega
O programa 'Marela' reparte 232.000 euros entre as explotacións beneficiarias, que se concentran nas comarcas de Sarria, Os Ancares e Lugo

O deputado da área de Rural, Daniel García, visitou algunha das explotacións beneficiarias deste programa provincial de axudas
Lugo - Publicado el
2 min lectura
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven de facer pública a resolución provisional da convocatoria de axudas do programa Marela, enfocado no apoio á recría de xatas de Raza Rubia Galega nas granxas de nacemento.
Segundo detalla esa resolución, 279 ganderías da provincia -trinta máis que na pasada edición - beneficiaranse das achegas, que suman un total de 232.000 euros -40.000 euros máis que na pasada edición-
- A maioría das granxas beneficiarias das axudas concéntranse nas comarcas de Sarria -especialmente nos concellos de Láncara, Paradela e Triacastela –, dos Ancares -especialmente nos concellos de Baralla, Cervantes, Pedrafita e As Nogais– , de Lugo – fundamentalmente nos concellos de O Corgo, Friol, Lugo e Castroverde – e nos concellos de A Fonsagrada e Vilalba, en consonancia coa distribución da cabana desta gandeira na provincia.
Axudas entre 400 e 2.400 euros por gandería
O deputado de Rural Daniel García destacou que “o número de granxas beneficiarias foi incrementado grazas ao reforzo orzamentario do programa, que planificamos como un apoio á recría e á gandería de vacún de carne, un sector fundamental para a provincia, polo seu impacto económico pero tamén social e medioambiental"
"Falamos sobre todo de granxas de pastoreo ubicadas, na súa maioría, en concellos de montaña onde esta gandería é a mellor alternativa para o aproveitamento do territorio”, engadiu o deputado.

O programa ¡Marela! é unha iniciativa da área de Rural da Deputación de Lugo
As axudas por gandería oscilan entre os 400 e os 2.400 euros, en función do número de xatas reprodutoras -cun parto antes dos 36 meses– que se crían na granxa, ata un máximo de seis animais por granxa. En total, son os propietarios de 580 animais os que reciben as subvencións.
A resolución pode consultarse na web da Deputación de Lugo, no apartado de Subvencións de Concorrencia Competitiva da área de Medio Rural e do Mar e no Boletin Oficial da Provincia do 17 de outubro.
As ganderías solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para presentar alegacións á resolución.