A Muralla de Lugo celebra o seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade cun programa cheo de música, cultura e participación cidadá
Lugo prepárase para vivir tres semanas de celebracións que combinarán memoria historia e emoción con máis de quince actividades organizadas polo Concello con motivo dos 25 anos da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial da UNESCO

Actos do 25 aniversario da muralla de Lugo como patrimonio da humanidade
Lugo - Publicado el - Actualizado
3 min lectura1:01 min escucha
O alcalde Miguel Fernández e o tenente de alcalde Rubén Arroxo presentaron un programa que busca implicar a toda a cidadanía nunha efeméride que enche de orgullo a cidade. A Muralla romana, “a máis completa do planeta”, converterase durante novembro no epicentro dunha ampla oferta cultural, musical, teatral e deportiva, que unirá tradición e modernidade para celebrar este cuarto de século como símbolo de identidade lucense.
Primeiros acordes e homenaxes institucionais

Miguel Fernández, alcalde de Lugo
As celebracións comezarán o 7 e o 11 de novembro con dous concertos no auditorio Fuxan os Ventos: o do recoñecido baixista Victor Wooten & The Wooten Brothers e o do lendario pianista Chucho Valdés, gañador de múltiples premios Grammy. O 12 de novembro chegará a visita do alcalde de Viana do Castelo, cidade irmá de Lugo, e o 13 acollerase a Executiva do Eixo Atlántico, nun xesto de unión entre Galicia e o norte de Portugal. Ese mesmo día, o grupo de jazz March Mallow actuará no Círculo das Artes dentro do Festival de Jazz de Lugo.
Cultura para todos os públicos

Rubén Arroxo, tenente de alcalde de Lugo
O 19 de novembro, o pianista James Rhodes, moi vinculado a Galicia, ofrecerá un concerto íntimo no Fuxan os Ventos. A programación continuará con teatro e maxia: os días 22, 23, 29 e 30 o Mago Rafa levará a súa ilusión ás rúas, mentres diferentes compañías locais protagonizarán un percorrido teatral pola Muralla, con pequenas representacións nas súas portas históricas.
O 27 de novembro, empresas, centros educativos e veciñanza rodearán a Muralla nun abrazo simbólico, unha acción colectiva coa que Lugo expresará o seu cariño por este monumento milenario. Ese día tamén haberá contacontos familiares coa profe Alba no MIHL, e teatro para adultos co espectáculo Ellos y Yo, de Jordi Font, que combina teatro de obxectos e videomapping nunha proposta emotiva e visual.
Unha fin de semana máxica e saborosa
Entre o 28 e o 30, varios establecementos hostaleiros ofrecerán unha Tapa Conmemorativa inspirada na Muralla. O 29 de novembro será unha xornada especial: o desfile das asociacións do Arde Lvcvs volverá vestir Lugo de historia, seguido dun concerto da Banda Filarmónica de lugo no Fuxan os Ventos e dun espectacular show de drons sobre o parque Rosalía de Castro, cunha coreografía aérea de máis de 150 drons sincronizados coa música de Abraham Cupeiro, que converterá o ceo lucense nun lenzo de luz e sons.
Clausura e lembranza
O 30 de novembro, a xornada final incluirá unha ruta ciclista arredor da Muralla, o concerto da Banda Municipal de Lugo na Praza Maior, e a representación infantil SUM, premio Fetén 2025, no auditorio Gustavo Freire, pensada para que tamén os máis pequenos celebren a efeméride. A celebración culminará cun acto institucional no auditorio Fuxan os Ventos, que reunirá a protagonistas do ámbito político, xornalístico e cultural daquel histórico 30 de novembro do ano 2000. A música da orquestra Terra Nova e outras sorpresas poñerán o broche de ouro a unha noite que promete ser inesquecible.
 
                             
                 
                         
                    



