É Lugo a cidade de España con menos bombeiros por habitante?
O Partido Popular denuncia que non hai sarxento xefe nin persoal administrativo e que un total de "nove prazas" están sen cubrir, ademais de criticar o "mellorable" estado das instalacións do parque

O Partido Popular denuncia que hai falta de bombeiros en Lugo, ademais de criticar o estado das instalacións do parque
Lugo - Publicado el
1 min lectura
O Partido Popular volvía este martes a denunciar deficiencias no Parque de Bombeiros de Lugo. Despois de alertar nos últimos días da imposibilidade de usar as duchas por culpa dun abrocho de lexionela, os populares criticaron carencias no tocante ao persoal.
Hai unha semana, no pleno, o concelleiro socialista Jorge Bustos aseguraba que xa había novo sarxento xefe, cando día de hoxe "o nomeamento non está amparado en ningún documento oficial", segundo advertiu o edil popular Antonio Ameijide.

O concelleiro socialista Jorge Bustos aseguraba no pleno de abril que xa había novo sarxento xefe do Parque de Bombeiros de Lugo
"NOVE PRAZAS SEN CUBRIR"
Asemade, sinalou que no servizo de bombeiros municipal "hai nove prazas sen cubrir" e tamén reclamou "reforzos na estrutura de mandos, unha persoa para tarefas administrativas e a necesaria actualización das instalacións".
Segundo datos recabados polos populares, entre todas as cidades de España dun tamaño semellante, Lugo é a que ten un menor ratio de bombeiros por habitante, unha situación "moito peor que nos anos 90" do pasado século.

Concelleiros do Partido Popular fronte ás instalacións do Parque de Bombeiros de Lugo
"SEN ACLARAR" A SITUACIÓN DE PROTECCIÓN Civil
Os populares tamén insistiron en que neste momento "está sen aclarar a situación do servizo de Protección Civil" e recriminaron ao goberno local que "cuestións que afectan á salubridade, como o peche das duchas por lexionela ou a necesaria mellora das instalacións non se abordasen nas reunións de traballo co gabinete de Alcaldía por unha suposta falta de tempo".