Comeza a tomar forma unha obra de renovación integral para cambiarlle a cara a unha das zonas máis sensibles da cidade de Lugo
O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a adxudicación das obras para reformar a pasarela do Carril das Flores, cun orzamento de case 340.000 euros e un prazo de execución de sete meses

Arroxo anunciou en rolda de prensa a adxudicación das obras no Carril das Flores
Lugo - Publicado el
2 min lectura
Comeza a tomar forma unha obra de renovación integral para cambiarlle a cara por completo a unha das zonas máis sensibles da cidade de Lugo, na que conflúen o Camiño Primitivo e a Muralla romana da cidade, ambos elementos declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Un lugar que tamén é o nó no que se xuntan tres importantes arterias da cidade, como son a Rúa San Roque, a propia Rolda da Muralla ou a Rúa Montero Ríos, que desemboca na contorna da futura estación intermodal.
O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a adxudicación das obras para reformar a pasarela do Carril das Flores, cun orzamento de case 340.000 euros e un prazo de execución de sete meses, dentro do proxecto integral de renovación desta rúa que está a desenvolver o seu departamento.
A actual pasarela do Carril das Flores, ubicada nesa zona próxima á Rolda da Muralla, será completamente renovada, cunha nova estrutura metálica lixeira, asentada sobre piares e vigas coa cimentación soterrada.
"Deste xeito, conseguimos que o muro orixinal se vexa íntegro e ampliamos o ancho da parte inferior en, polo menos, 1,2 metros", explicou Rubén Arroxo. A solución plantexa ademais unha integración estética para aportar continuidade á Mosqueira -a praza peonil creada na zona máis emblemática da Muralla de Lugo- e á praza do Camiño Primitivo -na mesma entrada da ruta xacobea na cidade-.

Proxecto para reformar a pasarela do Carril das Flores
renovación funcional e estética
Para “dar unha imaxe de uniformidade ao longo do Carril das Flores”, a parte superior manterá o pavimento de plaqueta, ao tempo que será habilitada unha calzada de formigón e unha zona peonil baseada en granito, con xardineiras de aceiro corten e novos bancos.
A primeira fase estará rematada antes do verán de 2026, coincidindo co aumento de peregrinos que chegan polo Camiño Primitivo"
Tenente de alcalde de Lugo
Na parte inferior, será colocado un falso teito cunha cor clara para dar contraste á estrutura "e crear un bo ambiente visual que transforme por completo a zona", dixo Arroxo.
O orzamento da actuación será de 339.245,44 euros e o prazo de execución de sete meses. A empresa adxudicataria é Construcións Sanle.
Segundo Rubén Arroxo, "está previsto que a primeira fase estea finalizada antes do verán de 2026, coincidindo co aumento de peregrinos que percorren o Camiño Primitivo". O tenente alcalde lembrou tamén que se segue a traballar na mellora da esquina do Carril das Flores con Montero Ríos.