A casa da marea celeste de Lugo amosa a súa nova cara
A pista do Pazo dos Deportes, onde xogan o Breogán e o Ensino, xa loce unha imaxe nova grazas aos traballos de pulido, vernizado e pintado que se veñen realizando no pavimento dende hai quince días

O deputado nacionalista Efrén Castro supervisou o avance das obras de renovación da pista do Pazo
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
Lugo é unha cidade de baloncesto. Recoñecémolo mesmo aqueles que baixamos cada quince días ao Anxo Carro para animar ao noso equipo de fútbol, coa esperanza de que algún día regrese á segunda división. O Breogán ten un exército de seguidores e o Pazo é o seu fortín. Tamén é a casa doutros equipos da capital luguesa, como o Ensino. O caso é que ese recinto precisa de melloras. Non hai moito, problemas de condensación que xa foron solventados obrigaron a suspender un partido da ACB.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que dirixe o nacionalista Efrén Castro, elaborou un programa para mellorar e modernizar as instalacións do Pazo Provincial dos Deportes e unha das actuacións previstas entra na recta final.
A pista central xa loce unha imaxe nova grazas aos traballos de pulido, vernizado e pintado que se veñen realizando no pavimento dende hai quince días.
A intervención centrouse na restauración da superficie do parqué, con tratamentos de lixado e vibrado. Tamén na actualización da estética da cancha, vernizada en distintos tonos para diferenciar as zonas deportivas. O macizado do perímetro deseñouse co nome "O Pazo".
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, visitou a pista, acompañado polo director xeral do Breogán, Salva Arco; e pola team manager do Ensino, Cata Pollini, para supervisar o avance das obras.
solución recomendada POR ESPECIALISTAS
"As empresas especializadas recomendáronnos esta actualización da superficie da pista porque ten unha madeira dunhas características que non hai hoxe no mercado. Seguindo esas indicacións técnicas fixemos este mantemento de profundidade, que aproveitamos tamén para modernizar a pista no que ten que ver co estético", explicou Efrén Castro.
A actuación, que supuxo un investimento de 20.000 euros, completarase nos vindeiros días coa instalación da publidade dos clubs e novas capas de vernizado e acabado para fixar os tratamentos.

A cancha do Pazo xa ofrece unha imaxe renovada
investimento de dous millóns de euros
A intervención na pista encádrase nas actuacións de modernización e actualización do Pazo e do Anexo que a Vicepresidencia da Deputación ven desenvolvendo nos tres últimos anos, cun investimento que no conxunto suma 2 mijllóns de euros, tendo en conta as actuacións xa executadas nos dous recintos e as que están en marcha ou licitadas.
Entre elas, a instalación do videomarcador no Pazo dos Deportes, licitada o pasado 13 de xuño cun orzamento de 267.00 euros, que dotará o recinto dun equipo de moderno e versátil no que se poderán proxectar todo tipo de contidos multimedia.
Ademais, continúan as obras de rehabilitación integral da cuberta do Pazo, que comezaron o pasado mes de maio. A intervención, que supón un investimento de 600.000 euros, suporá a impermeabilización dos 8.500 metros cadrados de superficie da cuberta cunha membrana de poliurea.