'As cigarreiras': máis de cen artistas en María Pita para homenaxear a pioneira loita obreira da Coruña
A Banda Municipal da Coruña e Cántigas da Terra recrearán este domingo nun grande espectáculo musical a revolta obreira das traballadoras na Fábrica de Tabacos en 1857

Árbol en flor en la plaza de la fábrica de Tabacos de A Coruña
Coruña - Publicado el
3 min lectura
A Banda Municipal da Coruña e o Coro Galego Cántigas da Terra unirán forzas artísticas o próximo domingo 24 de agosto na praza de María Pita para brindarlle ao público coruñés un espectáculo único: 'As cigarreiras'. Esa noite, máis de cen artistas subirán ao escenario para recrear -a través da música e do teatro- a pioneira revolta obreira protagonizada polas cigarreiras coruñesas da Fábrica de Tabacos da Palloza o 7 de decembro de 1857. Explicárono o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, o director da Banda Municipal da Coruña, Juan Miguel Romero Llopis, e o director artístico de Cántigas da Terra, Luís Bolón, que tamén é compositor e o responsable dos arranxos musicais do espectáculo.
"Desde o Goberno de Inés Rey queremos que as Festas de María Pita e a Semana Clásica teñan espectáculos exclusivos e vinculados á nosa cidade e á nosa historia, recuperando neste caso un dos episodios máis importantes da loita obreira galega", indicou Gonzalo Castro. Este proxecto, no que as partes implicadas levan máis dun ano traballando, recupera un xénero escénico e lírico tradicional: a estampa galega. Este formato conxuga música e teatro cun contexto habitualmente costumista, mais para esta ocasión búscase reivindicar este xénero e reinventalo a través dunha vertente contemporánea. A última vez que o Coro Cántigas da Terra representou unha estampa galega foi a finais dos anos noventa do pasado século, cando se lle ofrece ao público a peza 'Era outra vez o muíño' con música de Ramón González Enríquez e texto de Laureano Álvarez.

O edificio da fábrica de Tabacos é hoxe sede da Audiencia Provincial da Coruña
A orixe do espectáculo
A orixe de 'As cigarreiras' radica no convite que a Banda Municipal lle trasladou a Cántigas da Terra para crear un espectáculo conxunto. Dende esta agrupación, fundada na cidade en 1916, agradeceuse a invitación e propúxose recrear a xa amentada revolta das cigarreiras a través da recuperación do xénero tradicional da estampa galega. Este episodio histórico é un auténtico fito do movemento obreiro, xa que a Fábrica de Tabacos foi o escenario das primeiras loitas sindicais protagonizadas por mulleres que se libraron naquela altura en toda Europa. Partindo deste contexto, o espectáculo amosa un percorrido pola historia da fábrica a través das súas protagonistas, as cigarreiras; grazas ás cales tamén descubriremos segredos da cidade herculina e os seus lugares.

Banda Municipal de Música de A Coruña
O espectáculo estrutúrase en tres actos. Acompañando as cigarreiras, o primeiro acto presenta o traballo na fábrica, con alusións á masa coral da fábrica e a súa importancia no contexto industrial. O punto de inflexión chega ao final do segundo acto, cando estoupa a revolta e a 'Foliada da Cruña' é interpretada polas traballadoras a modo de himno. Finalmente, a última sección do espectáculo elabora o argumentario a favor dunhas condicións de traballo digno, sempre enmarcadas no repertorio musical propio da cidade herculina.

Estatua homenaje a las cigarreras en la plaza de A Palloza de A Coruña
Amplo equipo artístico
Para a súa posta en escena, 'As cigarreiras' precisa da Banda Municipal da Coruña, Grupo de Baile Santaia e Cántigas da Terra, formación que inclúe o coro, o grupo de gaitas e o cadro de teatro, segmento este último dirixido por Isabel Risco, quen será a encargada de encarnar a cigarreira protagonista da peza: María Pena Barreiro. Xunto a Risco actuarán outros nomes coñecidos da escena profesional coruñesa: Victoria Pérez, Manuel Fernández, Jose Losada e Alberte Bello.

Presentación do espectáculo As Cigarreiras no concello da Coruña
O equipo deste espectáculo inclúe, ademais, o guionista Carlos Ares, quen asina o texto orixinal da peza, mentres que Estefanía Gómez e Iván Villar asumen a dirección de movemento. A escenografía corre a cargo de Suso Montero e a coordinación xeral recae na produtora Marta Horjales. A parte técnica complétase con Rubén Montes (responsable de son), Héctor Naveira (iluminación) e José Luis Vázquez, quen -xunto ao xa citados Montero e Isa Risco- se encargan do vestiario.