Sabes a orixe do nome do teu concello?
O caso de Santiago está máis claro, pero que acontece con Ames, Brión, Boiro, Rois, Boqueixón, etc? A Real Academia Galega responde

Sabes a orixe do nome do teu concello?
Santiago - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
En Galicia gozamos dunha ampla riqueza de topónimos. Hai máis de 38.000 nomes de entidades de poboación, segundo a Real Academia Galega. Hai nomes que non deixan lugar a dúbidas sobre a súa orixe. Santiago está ben claro, o nome do Apóstolo. Tamén parece consolidado que Padrón procede da pedra que se conserva na igrexa de Santiago desta localidade ou que O Pino é unha referencia a un lugar alto.
Pero non acontece o mesmo con outros topónimos da contorna, como Ames ou Brión. Nunha consulta rápida aos peóns que nos atopamos polas rúas atopamos moitas hipóteses sobre os nomes dos lugares onde facemos a nosa vida cotiá: "Non teño idea de por que Brión se chama Brión", recoñece unha veciña. Outra apunta a que cre que Ames ten ese nome "por unha parella ou algo.. que se amaban". Outros veciños da zona cren que Ames vén "dos Amaeos, unha tribo prerromana, unha poboación que había aquí... de feito A Maía vén de aí... e as parroquias da zona, por exemplo Bertamiráns é terra de Bertamiro, que debía ser un nobre que había aquí".

Sacamos os micrófonos de COPE Santiago á rúa: sabes a orixe do nome dos concellos?
A académica galega Ana Boullón explica que, en moitos casos podemos saber a orixe polos escritos que se conservan de hai máis de mil anos. Noutros, os científicos traballan con hipóteses: "O que din os estudosos é que Ames vén dunha raíz prerromana que significaba humidade, unha raíz que se rexistra noutros topónimos de toda Europa, sobre todo nos nomes de ríos, que son os topónimos máis antigos, os que teñen máis pervivencia".
Brion é unha palabra de orixe común que tamén significa musgo, pero "hai quen o pon en relación con briga, unha palabra celta que significaba fortaleza" e que está presente en máis nomes de lugares que rematan en -bre/-vre, como Lestrove ou O Grove.
Boqueixón é un caso único en Galicia, a filológa explica que non se repite en ningún outro topónimo da comunidade. A súa orixe pode estar vencellada á palabra boca, que en toponimia serve para describir pasos estreitos, como os que existen no Pico Sacro desde concello coruñés.

A académica galega Ana Boullón responde a COPE Santiago
Dende a Real Academia Galega puxeron en marcha, ademais, unha plataforma onde consultar incluso os nomes de lugares máis pequenos, a coñecida como microtoponimia. É unha plataforma colaborativa chamada Galicia Nomeada.
Tamén hai un apartado na propia web da Real Academia Galega onde dan máis datos sobre a orixe dos nomes dos concellos e lugares galegos.



