O barrio da Agra do Orzán (A Coruña) contará cun novo parque antes de maio de 2027
O Concello acada a concesión por parte do Estado dos terreos do parque do Observatorio, que se converterá en zona verde aberta ao público neste mandato

Parque del Agra (A Coruña)
Coruña - Publicado el
2 min lectura
A reivindicación do Parque da Agra é unha demanda histórica do barrio da Agra do Orzán na Coruña. É un dos barrios con maior densidade de poboación de toda España, e a falta de zonas verdes entre os bloques de edificios é un dos seus principais problemas.
Neste sentido, o concello da Coruña completou, despois de moitos meses, un dos pasos que prometera para dotar ao barrio de maiores dotacións: a cesión por parte do Estado dunha parcela no parque do Observatorio, actualmente pechado ao público.
Autorización da AEMET
Así o avanzou no pleno do concello o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage. Trátase, segundo o concello, dun “paso clave” para acometer a creación do parque do Observatorio. O tamén voceiro do Goberno municipal explicou durante o debate dunha moción os resultados das negociacións desenvoltas co Estado durante os últimos meses.

Parque del Agra - Ediificio del Observatorio
"Esta mesma semana recibimos o oficio da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) no que se nos comunica a aprobación da concesión demanial a favor do Concello da parcela do parque do Observatorio", apuntou Lage, que lembrou que sen este paso administrativo "o Concello non podería actuar nunha parcela da que non ten a titularidade ou a cesión”. Agora, “por fin, xa a temos".
Dous anos tras o anuncio
O derrubo dos muros que rodean o observatorio fora acordado coa AEMET no 2023. Dous anos despois, culmínase este proceso coa aprobación da concesión demanial.
Foron necesarios os informes favorables do Ministerio de Facenda e da Delegación Territorial da AEMET, "froito de numerosas reunións e trámites que deron un resultado que, agora si, nos permite por fin licitar a execución do parque do Observatorio, derrubar os muros e dotar a un barrio que o precisa dunha zona verde de calidade", segundo Lage.

Concentración en demanda do Parque da Agra fronte ao concello da Coruña
O voceiro socialista subliñou que "será o Goberno de Inés Rey o que saldará esta débeda histórica co barrio da Agra e quen amañe un problema que leva décadas sen solución". A primeira fase de actuacións será a demolición dos muros, indicou Lage, e en paralelo se redactará o proxecto para a súa execución.