Máis de 2.400 persoas xa están inscritas na carreira popular do Ventorrillo, que pecha hoxe o seu prazo de solicitudes
Será o domingo 26 de outubro e sairá da rúa Alcalde Jaime Hervada e alternará treitos de asfalto con outros por pistas de terra

Coruña Corre
Coruña - Publicado el
1 min lectura
A temporada do circuíto de carreiras populares Coruña Corre vai chegando, pouco a pouco, á súa recta final. Con só dúas probas por disputar, o Concello ultima xa os detalles de organización correspondentes á cita do domingo 26 de outubro no barrio do Ventorrillo, a penúltima data do calendario do circuíto. Máis de 2.400 persoas xa están inscritas na proba, que como é habitual contará con percorridos diferenciados, en función da categoría. Na absoluta será de algo máis de cinco quilómetros: sairá da rúa Alcalde Jaime Hervada e alternará treitos de asfalto con outros por pistas de terra, tanto polo Ventorrillo como pola parte alta da Silva. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou que o prazo de inscrición segue aberto. Concretamente, ata as 23.59 horas de hoxe, as persoas interesadas en tomar parte na carreira poderán formalizar as súas solicitudes e, como sempre, confirmar a súa participación. A información completa está na páxina web de Coruña Corre. “Estamos a vivir unha tempada apaixonante no circuíto de carreiras populares e o noso obxectivo é rematala cun bo sabor de boca. Primeiro, no Ventorrillo, e xa o 23 de novembro coa última carreira, de peche, no barrio de Novo Mesoiro”, lembrou Vázquez.
ANTÓN GÓMEZ E INÉS ALFONSO LIDERAN A CLASIFICACIÓN
A só dúas probas de que remate esta edición, o circuíto Coruña Corre 2025 promete emocións fortes neste treito final de tempada. As carreiras do Ventorrillo e Novo Mesoiro porán a proba os actuais ocupantes do podio na categoría absoluta.
Tras cinco carreiras disputadas, á fronte da clasificación masculina está Antón Gómez López, seguido por Daniel Fuentes Bardanca e Paulo Cameselle Juiz. Na feminina, a primeira posición é para Inés López Alfonso, con Noelia Souto e Inés Papín tras ela.