O parlamentario popular formulará diversas preguntas sobre distintos aspectos deste novo servizo na vindeira sesión da Comisión de Sanidade da Cámara galega prevista para mañá, a partir das 10.30 horas. En concreto quere coñecer os beneficiarios do novo servizo e as previsións da Xunta ao respecto do mesmo. Balseiro salientou que pacientes de nove concellos da Mariña lucense, máis en concreto dos centros de saúde de Foz, O Vicedo, Ourol, Cervo, San Ciprián, Xove, Ferreira do Valadouro, Alfoz, Burela e Viveiro, poden efectuar as súas probas diagnósticas e de seguimento a través dos seus médicos de cabeceira o que evita desprazamentos ata o de agora obrigados ao especialista do Hospital. Esta proba dispón, ademais, de grande importancia xa que coa mesma os profesionais médicos determinan a saúde ocular dos seus pacientes e serven para diagnosticar, valorar e descartar problemas que poden derivar nunha perda de visión. NOVA FORMACIÓN E TECNOLOXÍA O deputado lembra que para implementar as retinografías nos centros de saúde foi necesario un proceso de formación previa dos profesionais da saúde que atenderán o servizo –persoal médico e de enfermeiría en Primaria- así como dotarse da tecnoloxía e quipos necesarios para realizar os exames oculares. AMPLIACIÓN DA CARTEIRA DE SERVIZOS Balseiro agrade os esforzos do Goberno galego para seguir ampliando a carteira de servizos que se prestan na sanidade pública comarcal e moi en particular nun ámbito de tanta demanda como é a saúde ocular. Ao mesmo tempo destaca que feitos como este desminten o falso argumento, repetido desde as forzas da oposición, sobre o desmantelamento da atención médica na Mariña. O deputado lembra que xunto ao achegamento das probas de retinografía aos centros de saúde o actual Goberno autonómico tamén puxo en marcha o hospital a domicilio –que atende a máis de medio cento de doentes crónicos nos seus fogares- e iniciou as obras para a creación da sala de tratamentos de quimioterapia para pacientes con cancro. Estes novos servizos teñen en común o obxectivo é evitar desprazamentos innesarios dos enfermos sen reducir un ápice a atención médica de calidade que se lles presta. O parlamentario agradece, finalmente, a sensibilidade dos actuais responsables do SERGAS por ter reforzado esta atención médica en temos de restricións orzamentarias e crise, algo que outras forzas políticas non souberon ou quixeron facer en tempos de bonanza.