As alumnas de Salesianos, Sara Alonso e Martina Rodríguez, consiguen o primeiro premio no concurso de oratoria en podcast "Ramón Otero Pedrayo"
A universitaria Ana González logra o segundo premio co seu traballo "Entre letras e lembranzas" e o terceiro recae no equipo das Carmelitas de Ourense

Acto de entrega de premios na Fundación Otero Pedrayo durante a edición do ano pasado
Ourense - Publicado el
2 min lectura
O videopodcast presentado por Sara Alonso e Martina Rodríguez, alumnas do Colexio Salesianos de Ourense, acadou o primeiro premio da terceira edición do concurso de oratoria en formato podcast “Ramón Otero Pedrayo”. O xurado do premio, presidido polo xornalista e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Pousa, destacou a calidade do guión e a calidade técnica da peza galardoada.
O segundo premio foi para a universitaria Ana González, que participou co podcast "Entre letras e lembranzas". O terceiro premio recaeu no equipo formado por Lucía Álvarez, Paula del Carmen Díaz, Antía Fernández, Catuxa González, Patricia López, Carla Montero e Milagros Iglesias, das Carmelitas de Ourense.
Este premio, que convoca a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Lingua e a cooperativa agroalimentaria Coren, está dirixido ao alumnado galego que teña entre 15 e 25 anos. O galardón, creado coa idea que a figura de Ramón Otero Pedrayo non sexa esquecida polas novas xeracións, está dotado con tres mil euros, repartidos en tres categorías. O primeiro premio consiste nun ordenador portátil e cincocentos euros en produtos Coren, en tanto que o segundo está dotado con cincocentos euros en produtos Coren e o terceiro en douscentos euros en produtos da citada cooperativa.
Os podcast deben versar preferentemente sobre temas ligados ao universo oteriano, como o medio natural, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral ou a tradición oral. O xurado que valorou os traballos estivo formado por cinco persoas expertas no campo da comunicación e a cultura. Na valoración das pezas tivo en conta, de forma preferente, o vocabulario, voz e dicción, xesticulación (no seu caso), organización do discurso, argumentación e calidade técnica.
O premio será entregado en Trasalba, nun acto que se organizará antes de finais de 2025 e no que haberá unha degustación de produtos Coren que ofrece esta cooperativa no marco da súa colaboración co premio.