A solidariedade entre gandeiros de Galicia, unha das mellores noticias trala vaga de lumes
A asociación Agromuralla está a levar forraxe ás zonas afectadas, especialmente a varios puntos da provincia de Ourense, para alimentar o gando das explotacións que perderon os pastos por mor das lapas

Roberto López, voceiro de Agromuralla, explicou a colaboración que lles ofrecen aos gandeiros afectados polos lumes
Lugo - Publicado el - Actualizado
4 min lectura
A solidariedade entre gandeiros está a volver a ser protagonista ante a vaga de incendios forestais que están a afectar especialmente á provincia de Ourense. Ao igual que xa fixera no ano 2017 tralos lumes nos Ancares, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla está a levar forraxe ás zonas afectadas para alimentar o gando das explotacións que perderon os pastos.
Este martes pola tarde foron entregados catro camións de rolos de herba seca: dous en Guimarei, no concello de Monterrei, e outros dous en Santigoso, no municipio da Mezquita, que se suman aos dous levados o pasado sábado a San Xulián de Valdeorras, localidade pertencente ao termo municipal da Rúa.
Os destinatarios son gandeiros de vacún, ovino e caprino destas zonas que non teñen que dar de comer aos animais, pois o lume das últimas semanas arrasou os pastos de montaña nos que tiñan o gando nos meses do verán e nalgún caso mesmo queimou as instalacións nas que tiñan almacenada a forraxe para o inverno.
"FORRAXE SOLIDARIO" DE LUGO E A CORUÑA
Diante desta situación de emerxencia, Agromuralla iniciou unha campaña de recollida de forraxe entre os seus socios e outros gandeiros e a resposta está a ser moi boa.
"Recibimos chamadas mesmo de explotacións de Asturias e da provincia da Coruña", explican dende Agromuralla.
Os rolos donados por gandeiros de distintos puntos da provincia de Lugo -Guitiriz, Foz, Cospeito, Vilalba, Palas de Rei, A Pastoriza, Lugo, Guntín, Sarria, Láncara e Monforte de Lemos, entre outros- e A Coruña -Trazo e Tordoia, entre outros- están a ser transportados de maneira altruista por distintas empresas de transporte até as zonas afectadas.
O envío de forraxe continuará nos vindeiros días e será mantido no tempo, nas vindeiras semanas e meses, para permitir a alimentación do gando no inverno.
"Seguiremos levando silo e herba seca de maneira escalonada, adaptándonos un pouco ás distintas situacións, necesidades e casuísticas, porque nalgúns casos non teñen onde gardar a forraxe, xa que lles arderon tamén as instalacións onde a gardaban", explican dende Agromuralla.
O próximo envío terá lugar a finais desta semana e consistirá en dous camións de rolos e outros dous de herba seca.
DONATIVOS PARA REPARAR OS DANOS DO LUME
Ao mesmo tempo, Agromuralla mantén aberto un número de conta en Caixa Rural Galega (IBAN ES23 3070 0001 2064 4268 1224) no que recolle donativos cos que axudar ás granxas afectadas polos lumes a repoñer os peches ardidos ou reparar as palleiras e outras instalacións calcinadas polo lume.
As colaboracións económicas están a chegar mesmo dende fóra de Galicia, de lugares como Tenerife.
Nun exercicio de transparencia absoluta, Agromuralla irá colgando nas súas redes sociais (Facebook e Instagram) imaxes e vídeos de cada camión de forraxe entregado e de cada actuación de reparación financiada nas explotacións afectadas, polo que invita a todas as persoas que desexen ver para que se destinan as aportacións recollidas a seguir ao colectivo gandeiro nas súas redes sociais.
Todas aquelas persoas que desexen colaborar, tanto con forraxe como con donativos, poden poñerse en contacto con Agromuralla a través do número de teléfono 982 04 24 60 e do email agromuralla@gmail.com.

Vacas frisoas nunha explotación gandeira
ACTIVIDADE GANDEIRA FRONTE AOS INCENDIOS
Dende Agromuralla explican que o seu obxectivo con esta campaña de solidariedade é "manter a actividade agrogandeira nestas zonas que se viron afectadas polo lume".
"Non nos podemos permitir o luxo de perder máis gandeiros nestas zonas de montaña, porque senón os efectos dos incendios serán moito peores, xa que o gando e as zonas de pasto son a principal barreira contra o lume e a mellor maneira de facer prevención", aseguran dende a asociación.
Por iso, dende Agromuralla critican con dureza "o discurso dos falsos ecoloxistas que tratan estes días de culpabilizar aos agricultores e gandeiros dos incendios, cando son os principais danmificados".
Para combater estes bulos e desinformación, que cala sobre todo no público máis urbano, descoñecedor da realidade do campo, Agromuralla convida a quen teña interese a visitar as zonas afectadas e falar con gandeiros que o perderon todo por culpa do lume.
"Convidamos ás persoas da cidade a vir e coñecer en primeira persoa a realidade", reiterando que "o único antídoto viable contra os incendios é máis agricultura e máis gandería".

Vacas da raza rubia galega pacendo nun prado