RUMI, o colar intelixente "made in Galicia" que informa ao gandeiro sobre a saúde dos seus animais en tempo real, busca "abrirse ao mundo"
Un novo investimento de 400.000 euros con cargo ao programa Lugo Transforma impulsará a expansión internacional da empresa que deseñou ese dispositivo, Innogando, que xa conta con 1.200 clientes

O alcalde Miguel Fernández anunciou este martes outra importante inversión do programa Lugo Transforma na súa aposta por Innogando
Lugo - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, anunciou este martes unha nova operación no marco da estratexia Lugo Transforma. O fondo público-privado acometerá un segundo inveestimento na empresa lucense Innogando S.L., unha das primeiras compañías participadas desde a súa creación.
Esta nova achega ascende a 400.000 euros, e forma parte dunha rolda de financiamento total de 1.400.000 euros, na que participa tamén o Fondo Bolsa Social cun millón de euros.
"O obxectivo é acelerar a expansión comercial e a internacionalización da empresa, especializada no desenvolvemento de tecnoloxía para o sector agrogandeiro", explicou o rexedor.
RUMI: un produto de futuro
O seu produto principal é RUMI, un colar intelixente que permite monitorizar o gando en tempo real, detectando celos, partos, cambios de comportamento ou rumia, mediante unha app conectada e autosuficiente, alimentada con enerxía solar.
Actualmente a empresa conta con máis de 1.200 clientes e máis de 25.000 colares vendidos.

O proxecto RUMI é unha das principais solucións tecnolóxicas desenvolvidas pola empresa Innogando
proxectos acompañados no tempo
Neste senso, Miguel Fernández destacou que esta nova operación demostra a capacidade do fondo para acompañar proxectos no tempo: "Innogando é un caso claro de como Lugo Transforma non só serve para atraer empresas, senón tamén para consolidar e facer medrar aquelas que xa apostaron polo noso municipio. Hoxe reforzamos a confianza nun proxecto sólido, con base tecnolóxica e cun impacto directo no sector primario".
Desde a súa primeira participación no fondo en 2023, cun investimento do fondo de 300.000 euros, a empresa pasou de 11 a máis de 30 traballadores, captou máis de dous millóns de euros en financiamento inducido, desenvolveu proxectos de I+D+i por valor de case 400.000 euros e conseguiu diferentes premios e recoñecementos como os Premios Emprende XXI de Caixabank, o Venture on the Road de Banco Sabadell ou formar parte do Top 101 Spain Up Nation.
En abril de 2024, a cooperativa gandeira COVAP (Cooperativa Ganadera del Valle de Los Pedroches), a máis grande do Estado, entrou no seu capital como socio estratéxico cun investimento de 455.000 euros.
Este novo financiamento vainos permitir a expansión en lugares como Estados Unidos, Irlanda, Portugal, Australia, Uruguai, Arxentina e Venezuela
CEO de Innogando
"unha empresa nacida no rural"
"Estamos a falar dunha empresa nacida no rural galego, que se asentou en Lugo grazas ao fondo, e que hoxe está vendendo en toda España e prepara a súa expansión fóra do país. Proxectos coma este demostran que desde Lugo tamén se pode innovar no agro e crear emprego de calidade", destacou Miguel Fernández.

Elio López, Miguel Fernández y Jesús Torres
Con esta nova achega, o fondo Lugo Transforma eleva o volume total investido ata os 3.860.000 euros.
Nese senso, o conselleiro delegado de Torsa Capital -a entidade xestora do fondo-, Jesús Torres, explicou que "este investimento vai permitir a internacionalización dunha empresa chamada a ser líder no sector a escala global e, ademais, terá un impacto directo no seu entorno, no medio rural, non só polas ferramentas e melloras que está achegando aos gandeiros, senón tamén pola xeración de emprego que está levando a cabo".
É unha empresa chamada a ser líder no sector a escala global"
Conselleiro delegado de Torsa Capital
Finalmente, Elio López, fundador e CEO de Innogando, agradeceu o apoio recibido e destacou que "este novo financiamento vainos permitir expandirnos internacionalmente e de forma ordenada naqueles lugares nos que xa temos presencia como é Estados Unidos, Irlanda, Portugal, Australia, Uruguai, Arxentina e Venezuela, estando tamén na folla de ruta incrementar a nosa actividade no mercado norteamericano".