Rematada a peonalización, ábrese unha nova fronte no casco histórico de Lugo: os veciños piden máis xardíns na contorna do Pazo de Dona Urraca
A asociación que agrupa aos residentes no centro de Lugo pídelle á Xunta de Galicia e ao Concello que teñan en conta esta demanda veciñal nesta e nas demais intervencións urbanística proxectadas nesa zona da cidade

Os veciños do centro reclaman a creación de zonas verdes no entorno do Pazo de Dona Urraca, na Tinería
Lugo - Publicado el
1 min lectura1:09 min escucha
Rematadas as obras de peonalización no casco histórico de Lugo, ábrese unha nova fronte co proxecto para rehabilitar o Pazo de Dona Urraca e recuperar a súa contorna, no barrio da Tinería. A Xunta de Galicia convocou un concurso de ideas, ao que foron presentadas 17 propostas que agora están sendo avaliadas por un xurado.
Por iso, antes de que se tome unha decisión definitiva ao respecto, a Asociación de Veciños Centro de Lugo ven de solicitarlle formalmente ao goberno galego que valore a posibilidade de dotar de zonas axardinadas ese entorno, en pleno corazón da cidade, a un paso da Muralla romana e da catedral.
Dispoñer de “zonas axardinadas é unha inquedanza prioritaria dos veciños do centro, canalizada a través do traballo desta asociación, grazas ao que se conseguiron melloras significativas nos proxectos iniciais da recente peonalización do casco histórico, co logro estrela do mantemento e ampliación dos xardíns da praza de Santo Domingo”, explica este colectivo nun comunicado.

Un xurado está avaliando as 17 propostas presentadas ao concurso de ideas
"os veciños non queren prazas e rúas sen xardíns"
Agora que a Xunta está inmersa no proceso para a licitación do proxecto de urbanización da contorna do Pazo de Dona Urraca, “os veciños non queren que volvan a proxectarse prazas e rúas sen xardíns, sen sombras, como aconteceu nas últimas actuacións urbanísticas na zona centro da cidade”, engade.
Por iso, esta asociación solicita “que se teña en conta este aspecto, ao igual que pretenden solicitalo en todas as futuras actuacións das que teñan constancia” no casco histórico.

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, estivo en Lugo para lanzar o concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca
Ademais, pídelle á Xunta que os “manteña informados do proceso, á vez que lle ofrece a colaboración da Asociación”.
Tamén lle remitiu a mesma solicitude ao Concello, para que a partir de agora ambas administracións “teñan en conta esta demanda cidadá nesta e en tódalas súas actuacións futuras no urbanismo do centro de Lugo”.



