Farruquiño abre en Lugo o seu sexto supermercado na provincia

A cadea lucense expande presenza coa inauguración dunha tenda na rúa Santiago, aberta os 365 días do ano e centrada en produto de proximidade e tradición da montaña

O persoal de Farruquiño é parte do éxito
00:00
Chema Núñez

O persoal de Farruquiño é parte do éxito

Chema Núñez

Lugo - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

Un novo espazo de alimentación no corazón da cidade.  Farruquiño inaugurou na cidade de Lugo o seu sexto punto de venda na provincia, situado no número 3 da rúa Santiago, a poucos metros de tres Patrimonios da Humanidade: a Muralla, o Camiño de Santiago e a Catedral. A nova tenda nace coa vontade de recuperar a actividade comercial dunha zona que quedara sen referencia alimentaria nos últimos anos.

O supermercado abrirá os 365 días do ano cun horario amplo: de luns a sábado de 09:00 a 21:00 horas e os domingos e festivos de 10:00 a 14:00 horas. 

“Un supermercado clásico cos produtos de sempre”

A xerente da cadea, Sonia Romay, sinala que esta apertura “trae á cidade un supermercado clásico cos produtos de sempre, con prezos moi competitivos e con toda a tradición da montaña”. Lembra que Farruquiño nace ligado á súa propia gandería en Cospeito e ao obrador artesanal que a empresa mantén na Fonsagrada, dous piares que garantizan unha oferta fresca e de calidade.

Dentro das instalacións da rúa Santiago, Romay explicou que “o forte son as primeiras marcas a prezos moi competitivos”, pero tamén un amplo catálogo de produto fresco: carne de porco e tenreira, elaboracións propias e embutidos tradicionais. Entre risas, destacou uns touciños “con moi boa pinta e moi apropiados para esta época”.

Un obrador artesanal con filosofía familiar 

O obrador da Fonsagrada é un dos elementos máis coidados da marca. A xerente describe ese espazo como “moi humilde e familiar”, onde a elaboración “é completamente natural e manual: embutido á man, atado á man, cada peza moi mimada”.

Aínda que están a realizar obras de ampliación, a empresa insiste en manter a mesma filosofía tradicional: evitar procesos industriais e preservar a identidade do produto. Ese trato artesán permítelles cumprir con todos os criterios europeos para incluso poder exportar. 

Seis tendas e seis formas de consumir

Cos seus seis establecementos na provincia, Farruquiño tamén observa as diferenzas culturais e gastronómicas entre comarcas. “Nada ten que ver un mariñán cunha persoa da Fonsagrada ou cunha de Lugo”, explica Romay. “Somos diferentes, comemos diferente, falamos diferente…”.

A apertura na rúa Santiago recupera un lugar moi transitado —xunto ao colexio das Xosefinas, o Camiño de Santiago e a dous pasos do casco histórico—. Mesmo os antigos tendeiros e propietarios do local, como Genaro, celebran o regreso da actividade comercial: “Desexaba con todas as súas forzas que volvera abrir unha tenda”, lembra Romay. 

O equipo, clave do proxecto

O persoal de Farruquiño e a familia que rexentou a antiga tenda na rúa Santiago

Cedida

O persoal de Farruquiño e a familia que rexentou a antiga tenda na rúa Santiago

A xerente tamén quixo destacar “o equipo de traballo”, ao que atribúe boa parte do éxito: “Non se podía facer nada sen eles”.

O cocido, estrela das mesas de Nadal

De cara ás festas, Farruquiño percibe tendencias curiosas. “Está aumentando o consumo de cocido para as mesas de Nadal”, apunta Romay, quen tamén subliña o crecemento da demanda de butelo. Produtos que, segundo explica, representan a verdadeira gastronomía da provincia de Lugo, diversa pero unida por unha identidade común.

Coa súa chegada á capital, Farruquiño incorpórase xa á vida diaria da veciñanza lucense, reforzando a presenza dun comercio próximo e con forte raíz territorial.

Escucha en directo

En Directo COPE LUGO

COPE LUGO

En Directo COPE MÁS LUGO

COPE MÁS LUGO

Herrera en COPE

Herrera en COPE

Con Carlos Herrera

Lunes a viernes de 06:00h a 13:00h

Programas

Último boletín

5:00H | 25 FEB 2026 | BOLETÍN

Boletines COPE
Tracking