"Dar vida á metáfora": referentes na construcción, manexo e dramaturxia con marionetas danse cita en Lugo
Mondoñedo acolle dende este venres ata o domingo 13 de xullo a 23ª Escola Internacional de Verán organizada pola Unión Internacional da Marioneta (Unima)

Mondoñedo acolle esta fin de Semana os tres cursos desta Escola de Verán
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
Esta fin de semana a provincia de Lugo será o epicentro do mundo da marioneta. Profesionais e afeccionados terán a oportunidade de participar en varios cursos, impartidos por expertos que son auténticos referentes no ámbito internacional sobre a construcción destes elementos, a técnica de manipulación dos mesmos e as diferentes ferramentas dramatúrxicas dun teatro de monicreques.
Mondoñedo acolle dende este venres ata o domingo 13 de xullo a 23ª Escola Internacional de Verán organizada pola Unión Internacional da Marioneta (Unima) Federación España e Unima Galicia. A Xunta apoia a iniciativa a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.
As actividades foron presentadas na Delegación Territorial de Lugo, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; a tenente de alcalde de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez; e o presidente de Unima Galicia, Ton Arenas.
construcción, manipulación e dramaturxia
A escola vai dirixida a profesionais e afeccionados á marioneta e inclúe tres cursos a cargo de expertos que son referentes no sector a nivel internacional. Nun deles, a especialista en monicreques de luva Paz Tatay achegará os seus coñecementos sobre a técnica, a construción e a manipulación destes elementos.
Outro curso centrarase nas ferramentas dramatúrxicas para a posta en escena e estará guiado polo dramaturgo e poeta Alberto Conejero. Pola súa banda, a creadora teatral Rene Baker, especialista en teatro de títeres e obxectos, impartirá a formación Dar vida á metáfora.
un fin de semana intenso en mondoñedo
A programación desenvolverase principalmente na Casa da Xuventude e no taller da compañía mindoniense Mircromina Títeres. A iniciativa compleméntase con numerosas actividades abertas ao público que se sucederán durante os vindeiros días en distintas localizacións de Mondoñedo, como é o caso do Círculo Recreativo, que acollerá diversos espectáculos.
Haberá números de teatro e música e obradoiros de construción de marionetas, de títeres de calcetín e de teatro de sombras, entre outras propostas que farán desta unha fin de semana completa para nenos e adultos.