Comeza a rehabilitación integral do Centro de Saúde da Milagrosa (Lugo), cun investimento de 3,2 millóns da Xunta
O conselleiro de Sanidade veu a Lugo para supervisar o inicio destas obras, moi demandadas polos veciños deste barrio da zona norte da cidade

Gómez Caamaño supervisou o comezo das obras de rehabilitación
Lugo - Publicado el
1 min lectura
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, supervisou este mércores o inicio das obras de rehabilitación integral do Centro de Saúde da Milagrosa, cun investimento da Xunta de 3,2 millóns, "para seguir avanzando na modernización da Atención Primaria na sanidade pública en Lugo". Tamén reiterou o compromiso do goberno galego de construír o centro do Sagrado Corazón cando o Concello poña os terreos do antigo colexio á súa disposición.
O titular de Sanidade estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.
O conselleiro detallou que as obras se prolongarán durante os vindeiros meses. "Un equipo de 25 traballadores vai materializar unha transformación total do centro, que pasará a ser amplo, accesible, moderno e dotado con novos servizos para pacientes e profesionais", explicou.
Plan funcional
A obra contempla actuar sobre unha superficie de 1.600 m2. Este centro da rede do Servizo Galego de Saúde (Sergas) contará con seis consultas de Medicina Xeral e outras seis de Enfermería.
Tamén terá dúas salas de docencia, un despacho para o traballador social, dúas salas polivalentes, unha sala de técnicas, unha de urxencias e unha para toma de mostras.
Ademais, mellorará a área de admisión, incorporando novos espazos para o persoal, como unha sala de xuntas, salas de docencia ou vestiarios.
Gómez Caamaño remarcou que a reforma tamén suporá importantes melloras na accesibilidade, tanto exterior como interior, cun ascensor para padiolas e a adaptación dos aseos. Tamén serán renovadas as fachadas, o que posibilitará contar con luz natural nas zonas de espera.