• Sábado, 27 de abril 2024
  • ABC

COPE

Noticias

Todo pasa por Madrid, tamén o tren

Félix Méndez, usuario durante anos dese servizo, reflexiona nun artigo sobre a decisión de retirar definitivamente o tren-hotel que comunicaba Galicia con Barcelona

Audio

Un usuario reflexiona sobre a retirada definitiva do tren-hotel entre Galicia e Barcelona

J. Félix Méndez

Tiempo de lectura: 2'Actualizado 09:03

Leo no xornal do 23 de novembro que o Goberno do estado vai retirar definitivamente o tren-hotel que comunicou durante décadas Galicia con Barcelona. Esta defunción fai que as lembranzas agromen na miña memoria como pingas de xeada no cristal dun vagón no que tantas veces atravesei moitas terras distantes e diversas ás que aínda chamo o meu país.

Esa serpe de metal que abrazaba lentamente os longos treitos do Miño e e do Sil, que avanzaba ás présas pola meseta castelá ata chegar ó Ebro, compañeiro inseparable ata Cataluña, non volverá encher de asubíos e percusións as vías que puxeron no mapa ducias de áreas rurais, sempre esquecidas, pero hoxe un pouco máis orfas. Parece un soño pensar que nalgún tempo foi posible subir ao tren en Sarria, Monforte ou A Rúa á noitiña, para amencer en Logroño, Zaragoza ou Barcelona, descansado e preparado para acometer unha xornada laboral, disfrutar da familia ou do turismo.

Non foi un soño, foi unha parte da nosa historia, levou á terra prometida a milleiros de emigrantes galegos, que volvían con frecuencia para visitar aos seres queridos que deixaban aquí. Moitas visitas de ledicia, reencontro e celebración, outras de despedida, como a que agora nos vemos obligados a facerlle ao noso avó, cíclope de ferro que cruzou as noites de España levando as néboas atlánticas ao Mediterráneo.

A excusa gubernamental é coñecida, non é rendible, caeron os usuarios nos últimos anos. O que non se nos di é por que caeron os viaxeiros. Sabemos que se repetían as avarías e os retrasos, probablemente por unha deixadez deliberada nos mantenentos. Quizais só se coida o que interesa manter, mellor deixar que o deterioro inevitable que provoca o uso e o paso do tempo faga o papel máis incómodo: xustificar o peche da liña.

O que non se nos di é que non hai nin 5 anos, 38 vagóns que partían da Coruña e de Vigo uníanse en Monforte para transportar a centos de personas que os enchían de idades diversas, cores e proxectos. Escribindo isto revivo os abrazos no andén, a figura borrosa do pai entre o bafo da fiestra que agarda inquedo a chegada do fillo, escrutando entre a turba de pasaxeiros que descende a cachón e inunda o andén rumbo ás portas de saída.

TODO PASA POR MADRID

Agora todo pasa por Madrid, e como non, tamén o tren. Para ir a Cataluña os lucenses temos que viaxar a Ourense, un sempre agradable destino para alguén de Lugo, aínda que esta vez non será para disfrutar da cidade, senón para coñecer a estación, pagar un prezo prohibitivo por un AVE a Chamartín, facer transbordo na capital e acabar de exprimir a tarxeta cunha segunda viaxe a Barcelona.

Por suposto, esquecéndose de parar en poboacións "menores" e empregando un día enteiro na viaxe. Todo un catálogo de vantaxes.

Son os novos tempos e as novas políticas. Non nos atrevamos a criticalas, seguramente as elites que nos dirixen nos tacharán de ignorantes, no mellor dos casos de románticos trasnoitados. O progreso vístese de centralismo e velocidade, das vías que ata hai pouco tempo coseron o país, agora só quedan os fíos soltos dunha agulla que apunta só a Madrid.



Etiquetas

Radio en directo COPE
  • item no encontrado

En directo

Tiempo de Juego

Con Paco González, Manolo Lama y Juanma Castaño

Reproducir
Directo Tiempo de Juego

Tiempo de Juego

Con Paco González, Manolo Lama y Juanma Castaño

Escuchar