Rueda salienta que Lugo se beneficiará do "maior plan de residencias públicas da historia"
Na Xunta Directiva Provincial do Partido Popular lembrou que tanto na cidade como no conxunto da provincia tamén repercutirán as axudas para a rehabilitación de vivendas baleiras, a ampliación das desgravacións para libros de texto ou o Bono Peixe

O presidente da Xunta destacou medidas como o plan para crear una rede de residencias en concellos pequenos e medianos
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O presidente do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Alfonso Rueda, salientou este luns pola noite en Lugo que tanto a provincia como a capital se verán beneficiadas das medidas anunciadas no Debate do Estado da Autonomía: "propostas concretas, realistas e pensadas para mellorar a vida dos galegos e galegas".
Na Xunta Directiva Provincial e Local dos populares lucenses tamén participaron a presidenta do partido na provincia e portavoz municipal, Elena Candia; a secretaria xeral da formación, Paula Prado; e o presidente local, Ramón Carballo.
Durante a súa intervención, Rueda asegurou que a folla de ruta presentada hai dúas semanas recolle moitas das inquedanzas que os alcaldes e voceiros trasladaron desde cada un dos seus territorios.
Entre as medidas, Rueda destacou o maior plan de residencias públicas da historia para concellos pequenos e medianos, que nesta provincia terá un impacto moi importante, ou as axudas para a rehabilitación de vivendas baleiras, fundamentais para fixar poboación no rural e para loitar contra o despoboamento.
Así mesmo, falou das accións de apoio á pesca e á alimentación saudable, como os bonos para consumo de peixe fresco por 50 euros, o chamado Bono Peixe; as medidas fiscais para apoiar ás familias; a ampliación das desgravacións para libros de texto; ou investimentos estratéxicos en innovación con marca propia I+G+i para que tamén en Lugo se poida crear emprego cualificado e competitivo.
"REALIDADES" FRONTE A PROMESAS
O presidente dos populares galegos deixou claro que non son promesas, "senón realidades en marcha, porque iso é gobernar: escoitar, actuar e anticiparse".
Por último, Rueda dixo que confía en que "o PPdeG siga sendo unha referencia, tanto a nivel local como provincial e autonómico", e agradeceu "o seu traballo aos alcaldes, que están a pé de rúa; aos portavoces que representan a voz dos populares nas corporacións locais; aos deputados autonómicos, que traballan para que Lugo teña peso no Parlamento e no conxunto de Galicia; e aos deputados nacionais e senadores, polo seu gran labor nas Cortes Xerais".
CANDIA: "UN GRAN TRABALLO DÍA A DÍA EN LUGO"
Pola súa banda, Elena Candia lembrou que o Partido Popular suma 35 alcaldías na provincia, que supoñen máis do 52% dos concellos, tras incorporar O Valadouro e Viveiro nos últimos meses, dous municipios onde xa fora a forza máis votada nas últimas municipais. "Continuamos buscando acordos que repercutan no ben dos nosos concellos, dos nosos veciños e do noso proxecto político", subliñou.
José Manuel Lamela e Mariña Gueimunde son, na súa opinión, "só dous exemplos dos 35 que temos na provincia e que demostran cada día a capacidade dos representantes do Partido Popular para a xestión e para proporcionar gobernos estables nos nosos municipios".
Candia defendeu que o partido está a realizar "un gran traballo" na provincia e que o fai ademais "dun xeito continuo no día a día da cidade e de tódolos recunchos provincia" da man dos seus representantes nas distintas institucións.
Ademais, en referencia á segunda metade das lexislaturas municipais, que se inicia proximamente, chamou aos seus fortalecer o partido e a traballar a pé de rúa.