O Concello avisa ao Ministerio de Transportes do "grave deterioro" das súas estradas en Lugo
O goberno local trasladará formalmente un informe elaborado polos seus servizos técnicos á Delegación do Goberno e reclamará unha intervención urxente en sete zonas "que presentan fochancas, gretas e un firme en estado perigoso"

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, alertou do grave estado de deterioro que presentan varios tramos das vías que dependen do Ministerio de Transportes
Lugo - Publicado el
2 min lectura
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, alertou do grave estado de deterioro que presentan varios tramos das vías dependentes do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ao seu paso pola cidade de Lugo, tras unha análise técnica realizada polos servizos municipais do Concello a finais de xuño.
“Estas estradas que cruzan Lugo atópanse nun estado lamentable, con fochancas, firme afundido e gretas que fan que circular por elas sexa un risco para condutores”, afirmou Alexandre Penas. “Estamos a falar de vías de competencia estatal, pero son utilizadas a diario por milleiros de lucenses, polo que non imos permitir que o Ministerio mire para outro lado mentres se pon en perigo a seguridade viaria”.
- A inspección técnica realizada polo servizo municipal de Enxeñería recolle patoloxías en sete tramos distintos, incluíndo zonas como a saída de Lugo cara Madrid, a Avenida das Américas, a contorna de Garabolos, o acceso á avenida Breogán ou o lugar de Xián. Entre os problemas detectados, indica o concelleiro, “destacan peladuras da capa de rodadura, fochancas sen reparar ou mal reparadas, gretas lonxitudinais e transversais, afundimentos do firme ou arranxos mal executados e zonas con ‘pel de crocodilo’”.
pouco investimento para manter as estradas
Penas fixo referencia aos datos recollidos nun recente estudo da Asociación Española de la Carretera (AEC), que alerta de que o 59 % das estradas galegas presenta un estado grave e require actuacións urxentes, con un déficit acumulado de investimento de máis de 1.125 millóns de euros.
“Estes datos confirman o que estamos a vivir en Lugo: unha absoluta falta de mantemento nas vías de titularidade estatal, un problema estrutural que debe abordarse con seriedade e responsabilidade”, afirmou.

Fochanchas na A6 ao seu paso pola Montaña de Lugo
“O estado destes viarios é incompatible cunha mobilidade segura e digna para a cidadanía, e o Ministerio de Transportes non pode seguir ignorando Lugo”, dixo Alexandre Penas, quen anunciou que o Concello trasladará formalmente o informe á Delegación do Goberno e reclamará unha intervención inmediata.
Desde a Tenencia de Alcaldía lembran que as vías de titularidade estatal, como estas, deben ser mantidas en bo estado polo Ministerio. “O Concello non pode asumir a reparación dunhas estradas que non lle pertencen, pero si pode e debe esixir que se coiden como merecen as e os lucenses”, concluíu Penas.