Barredo, unha pequena aldea do interior de Lugo, énchese de festa o 7 de xuño
Servando colle o relevo de Laura para montar unha romaría con inchables, música, sesión vermú e moito bo humor no corazón de Castroverde

Servando convida a todos ás festas de Barredo
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
Barredo xa ten plan. O sábado 7 de xuño, a pequena parroquia de Barredo, no municipio de Castroverde e moi pretiño do Camiño Primitivo, énchese de vida para celebrar a súa tradicional festa na honra de San Antonio. Este ano, quen colleu as rendas foi Servando, xa que Laura -organizadora habitual- anda ata arriba cos actos da súa graduación universitaria. Iso si, como recoñece o propio Servando, "deixou moito feito".
En Barredo viven poucos veciños, pero hai moi bo ambiente. Todos colaboran para que a festa sexa un éxito, e este ano o campo da festa, ben amplo e coidado, acollerá actividades para todas as idades.
Inchables, vermú, orquestra e DJ: festa para todos
Dende primeira hora haberá inchables para os máis pequenos, porque en Barredo saben que se os nenos se divirten, a festa vai ben. Ás 13:30 horas celebrarase a misa, cedo para que logo o vermú se poida saborear sen présas. A encargada de poñer a música tanto durante o vermú como á noite será a orquestra Superestar.

Cartaz das festas de Barredo (Castroverde), 2025
E pola noite, arredor das 21:30 ou 22:00 horas, o DJ Adolfo Valiño comezará a animar a sesión de baile para que todo o mundo vaia "quentando motores". Servando insiste en que "o importante é gozar da sesión vermú, que sempre é das boas".
todos en barredo, preparados
As casas do pobo están xa a punto para a ocasión e todas listas para acoller veciños e visitantes.
E se hai algo que non pode faltar en Barredo, é un bo queixo. Na parroquia atópase a factoría de Santo André, onde se elabora un queixo espectacular con Denominación de Orixe Protexida Cebreiro. "Está levando un gran número de premios" lembra orgulloso Servando. Un motivo máis para achegarse á festa!
¿E o tempo?
Tamén está asegurado. Servando xa fixo os deberes: "Levei os ovos a Santa Clara", conta entre risas.
Así que xa sabedes, o 7 de xuño en Barredo non falta nada: música, comida, alegría e un queixiño de premio.