As obras do Museo Provincial de Lugo cobran vida
Unha exposición temporal mostra e 45 manequíns con máis de 600 pezas de roupa antiga ou reproducións fieis, xunto a utensilios, obxectos etnográficos e aparellos da vida cotiá inspirados en cadros e esculturas da colección permanente do Museo Provincial de Lugo

A exposición foi inaugurada nas últimas horas pola deputada provincial de Cultura, Iria Castro
Lugo - Publicado el
2 min lectura0:47 min escucha
Foi inaugurada na tarde deste martes o proxecto “O Vestiario das Almas Pintadas. A indumentaria galega nos cadros costumistas”, unha exposición que mostra 45 manequíns con máis de 600 pezas de roupa antiga ou reproducións fieis, xunto a utensilios, obxectos etnográficos e aparellos da vida cotiá inspirados en cadros e esculturas da colección permanente do Museo Provincial de Lugo.
Os manequíns expóñense en diferentes salas, ao carón dos cadros, unha posta en escena que permite mergullarse nas mesmas escenas representadas en cadros e esculturas, apreciando ao detalle o vestiario, a ourivería e os obxectos empregados polos nosos antepasados.
Asi, a exposición recrea mulleres camiño da fonte con sellas sobre a cabeza, vendedoras do mercado de Lugo, cacharreiras das feiras, rezadoras dun rosario e outras esceas e personaxes de cadros e esculturas costumistas de artistas como Xesús Rodriguez Corredoira, José María Acuña López, Leopoldo Villamil García de Paredes, Carlos Sobrino, Dionisio Fierros Álvarez, Santiago Rodriguez Bonome ou Francisco Asorey, entre outros autores de finais do século XIX e principios do seculo XX.
É unha mostra que contribúe a poñer en relevo a grande colección de arte galega coa que conta o Museo Provincial de Lugo"
Deputada provincial de Cultura
Trátase dunha iniciativa que vincula arte, educación e investigación, desenvolvida pola Rede Museística Provincial coa colaboración da Asociación de Danza e Teatro CAFUNÉ e da Asociación Etnográfica Sete Espadelas. A mostra foi coordinada por Encarna Lago e actúan como comisarios David Quiñones e José Luis Rodríguez.

Os manequíns foron colocados ao carón das pinturas e das esculturas nas que están inspirados
o valor didáctico da mostra
A deputada de Cultura, Iria Castro, inaugurou a exposición xunto a concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro; a xerente da Rede Museistica, Encarna Lago, e a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro. Destacou "o exquisito coidado con que Sete Espadelas, con quen xa traballamos noutros proxectos, recreou a vestimenta e as esceas" e presentou a iniciativa como "unha mostra que contribúe a poñer en relevo a grande colección de arte galega coa que conta o Museo Provincial de Lugo".
A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, sinalou "o valor didáctico da mostra que propón unha nova mirada sobre as coleccións artisticas do Museo e contextualiza históricamente as obras a través da vestimenta".
A exposición, que poderá verse no Museo Provincial de Lugo ata o 26 de decembro, enmárcase no programa de investigación educativa impulsado pola Rede, "co obxectivo de mellorar o acceso ás coleccións como fontes primarias de coñecemento, favorecendo unha aproximación renovada e crítica ao patrimonio artístico galego".



