Nace neofalantes.gal, a ferramenta dixital para unir os novos falantes de galego
A Xunta e a USC colaboran para agrupar nas redes sociais ás personas que, tendo o castelán ou outra lingua como primeira, incorporan o galego á súa vida

ctv-xap-image gallery-5
Madrid - Publicado el - Actualizado
4 min lectura
A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborarán nun novo proxecto dixital que, a través nas novas tecnoloxías, busca avanzar no estudo do neofalantismo. Un proxecto de tres anos de duración dividido en tres fases e co que o Goberno galego e a USC pretenden impulsar e poñer en valor o neofalantismo e as conexións do galego co mundo da empresa e da lusofonía.
Segundo informa a administración autonómica galega, a iniciativa, impulsada polo grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación, analizará como está a ser o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán, ou outro idioma, como primeira lingua, e que logo acabaron achegándose ao idioma propio de Galicia.
Neste senso, a proposta inicial inclúe a elaboración dun portal e o aproveitamento de aplicacións sociais para implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás.
NEOFALANTES.GAL
O proxecto, iniciado a finais do 2021, será desenvolvido ata 2023 en tres fases. Na primeira delas, deseñouse un sitio web, neofalantes.gal, un portal de noticias xa activo que pretende servir de nexo de unión da comunidade neofalante en galego. O portal conta con varias seccións: sobre o mundo neofalante, sobre a actualidade da lingua galega, sobre investigacións lingüística, sobre polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais, contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo nas máis atractivas para a mocidade, como son Instagram e TikTok, aínda que tamén terá canle de YouTube, Facebook e Twitter.
Nunha segunda fase, o grupo traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego. Unha rede que, segundo as previsións, estará activa a finais de ano.
Xa nunha terceira fase, que se levará a cabo no 2023, a web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, especialmente no mundo lusófono, a través da lingua galega.
“Este proxecto analizará como está a ser o proceso de incorporación de uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán, ou outro idioma, como primeira lingua, e que logo acabaron achegándose ao galego”, explican dende este grupo de investigación da USC. Neste senso, a proposta inicial inclúe a elaboración dun portal e o aproveitamento de aplicacións sociais para implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás. “Por iso, vai destinada sobre todo a un público novo, sen desbotar que hai neofalantes de todas as idades”, engaden.
EXEMPLO PARA MOZOS E MOZAS
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, declarou que é importante que as institucións colaboren “para desenvolver iniciativas orientadas a coñecer e animar a aquelas persoas que incorporan o galego á súa vida”. “As institucións e sociedade debemos apostar por esas persoas e as poñamos como exemplo para outros mozos e mozas, igual que elas apostaron por todos nós ao escolleren a lingua que nos identifica e nos une como galegos”, declarou.
Canda o representante autonómico tamén interviñeron nesta presentación, que acolleu a Facultade de Ciencias da Comunicación, Antonio López, reitor da USC; Xosé Ramón Pousa e Alba Silva, decano e vicedecana, respectivamente, da dita Facultade, e Xosé López, director do grupo de investigación Novos Medios.

Fonte, xunta.gal
O reitor puxo o foco no compromiso que a institución compostelá mantén coa promoción do galego e da lusofonía. Ademais, Antonio López destacou que Novos Medios é un grupo que achega dúas décadas de experiencia na investigación sobre as novas ferramentas da comunicación.
Nesta mesma liña pronunciouse o decano do centro ao subliñar que Ciencias da Comunicación constitúe unha Facultade de referencia na docencia en galego e que este tipo de proxectos eríxense nun avance para o idioma. Situar no ecosistema lingüístico os e as neofalantes é a vontade deste proxecto, tal e como explicou o catedrático da USC, Xosé López.