"Atlánticas": unha homenaxe ás mulleres traballadoras en 40 retratos
O Museo do Pobo galego acolle unha mostra coa que o fotoxornalista Adrián Baúlde propón unha reflexión sobre a evolución do papel da muller no mercado laboral en Galicia

O fotoxornalista cambadés Adrián Baúlde cóntanos como naceu o proxecto "Atlánticas"
Madrid - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
"Quixen levar Galicia a Madrid": así explica o cambadés Adrián Baúlde a orixe de "Atlánticas". Pensando no que ía ser o seu proxecto final de carreira, ocorréuselle facer un recoñecemento á muller no mundo laboral da nosa comunidade. Hai tres anos principiou o percorrido que o levaría por máis de 5.000 kilómetros da xeografía galega, na procura das súas protagonistas. Principiaron sendo quince, pero Atlánticas medrou ata casi a trintena co paso do tempo e o álbume non está pechado nin moito menos, porque Adrián agarda que sigan incorporándose máis facianas para ilustrar como elas están, tanto mantendo os oficios máis tradicionais como nos de vangarda.

DENDE A GUARDA A RIBADEO PASANDO POR BALDAIO
Con dúas cámaras e catro ópticas pero cargado sobre todo de ilusión polo seu proxecto, Adrian Baúlde botouse á estrada: ao labor das redeiras púxolles a faciana de Carme e Marina. As dúas aparecen retratadas, igual ca o resto, nunha foto sobre fondo branco e noutra, na nave onde traballan na localidade pontevedresa da Guarda. Carmen é a poderosa percebeira que nos desafía dende unha rocha colmada de molusco en Baldaio. Pilar é unha cañeira de Portas, en Pontevedra, Ariadna, bombeira forestal en Ribadumia, e o percorrido continúa con enxeñeiras, médicas de helicóptero ou a última fareira que queda na nosa comunidade, Elena, a responsable da lanterna que alumea o mar dende Illa Pancha.
Non houbo problemas para convencer a ningunha para que se decidise a participar no proxecto, asegura Adrián, pero sí que houbo imaxes máis complicadas de obter: "ainda que peliqueira non é un oficio, sí que quería levalas tamén a Madrid para representar o Entroido de Galicia, e custoume un pouco dar con elas". Pero alí estaban Alba e Noelia, agardando co equipo completo do personaxe central no Entroido de Laza. Así, ata completar 42 olladas distintas.
As novas tecnoloxías facilitáronlle a Adrián a posibilidade de facer os retratos: "repasei noticias para facer a escolla, pero con moitas delas contactei a través de facebook", explica, "ainda que en moitos casos, son mulleres que viven moi vencelladas ao rural". Tamén funcionou moi ben o "boca a boca", asegura. "Os oficios que tiña en mente xa están máis ou menos recollidos, pero quero seguir ampliando" e engade como exemplo que no acto das Medallas Castelao, un Policía Nacional que estaba alí fóra traballando e se achegou a ver a exposición botou en falta "unha policía submarinista", así que "é posible que a imaxe dunha axente mergulladora se incorpore á mostra".
Seguir medrando ten ao tempo unha "cara B"...porque non sempre é doado atopar espazos que acollan tal número de retratos de gran formato: "aquí no Museo do Pobo Galego xa houbo que elixir, e quedaron fóra unha enxeñeira e unha mestra", explica Adrián, contento de non verlle o fin a esta homenaxe.
"Atlánticas" poderá visitarse en Santiago ata comezos de novembro.




