O Campionato de España de Tríatlon en Distancia Olímpica volve á Coruña o 31 de maio e 1 de xuño
Inés Rey: “É unha honra para a cidade poder acoller estas grandes competicións nacionais, que nos sitúan durante unha fin de semana como epicentro do tríatlon español”

Ayuntamiento de A Coruña
Coruña - Publicado el
2 min lectura
O Campionato de España de Tríatlon 2025, proba individual en distancia olímpica e referente no calendario da Federación Española de Tríatlon, volverá reunir na Coruña a deportistas e clubs de todo o país os días 31 de maio e 1 de xuño. Os escenarios privilexiados do paseo marítimo, o castelo de San Antón, o paseo do Parrote e a praza de María Pita, converten esta cita nun dos puntos álxidos das últimas tempadas da FETRI, onde tamén se disputaron títulos individuais, competicións de clubs e probas internacionais de paratríatlon. Ademais, tamén chegará á cidade herculina o circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya, dirixido ás categorías de promoción
“A Coruña será anfitrioa non só de visitantes doutras provincias e comunidades, senón tamén de deportistas e clubs de toda Galicia que se darán cita durante a fin de semana nestes campionatos nacionais”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. “As e os triatletas coruñeses poderán competir sen desprazamentos e nos mesmos escenarios nos que adestran cada día, agora transformados polos elementos espectaculares das competicións da FETRI”, engadiu Vázquez.
Para Inés Rey, alcaldesa da Coruña, “é unha honra para a cidade poder acoller estas grandes competicións nacionais, que nos sitúan durante unha fin de semana como epicentro do tríatlon español”. Dende o Goberno municipal, segundo engade, “buscamos que A Coruña sexa un referente na celebración de grandes eventos, tanto deportivos como culturais”, polo que “levamos anos ampliando o noso calendario de campionatos, xa que ademais do prestixio deportivo teñen un gran impacto turístico e económico”.
O sábado 31 de maio celebraranse catro carreiras do Campionato de España de Tríatlon 2025, rematando a xornada coas probas Élites: a feminina ás 17.30 e a masculina ás 19.45 horas. Ás 15.30 iniciarase a proba da categoría xuvenil feminina, e ás 16.25 horas a xuvenil masculina. O domingo 1 de xuño competirán primeiro as e os deportistas de Grupos de Idade, dende as 8.30, e despois, ás 12.30 e ás 13.15 horas, as probas júnior feminina e masculina, respectivamente. Pódese consultar toda a información na seguinte ligazón.
Por outra banda, o circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya volverá pasar pola Coruña o sábado 31 de maio, con saídas en circuítos adaptados para as categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete, na modalidade de Acuatlón.