A Deputación de Lugo iniciará mañá xoves as obras de reparación da ponte sobre o Rego de Vidal, situada na estrada provincial 6101 ó seu paso polo Concello mariñano de Trabada, unha infraestrutura que resultou danada polas últimas choivas. A institución lucense estima nuns 6.000 euros o custe dos traballos, que se acometen con cargo ó Plan de Conservación de Estradas 2013 e estarán rematados previsiblemente na primeira semana de marzo. As tarefas, das que se ocupará un equipo de tres operarios cunha pala e un camión, consisten na reposición dos muros do río anexos ó viaduto -denominados aletas-, despois de que as choivas abrandaran a terra e os acabaran arrastrando augas abaixo. A Deputación decidiu acometer estas actuacións co fin de evitar danos na propia estrutura da ponte, sobre a que na actualidade e durante as obras poderán circular con normalidade vehículos e peóns. A estrada provincial 6101 ten 9,3 quilómetros de lonxitude. Parte do barrio trabadense de Pedrido, discorre por Sante e desemboca na antiga Nacional 640, enfronte a Abres, pertencente xa a Asturias. A ponte que se vai arranxar sitúase a pouco máis dun quilómetro da vila de Trabada. As estradas provinciais do Concello trabadense forman parte da denominada Zona 2 do Plan de Conservación de Estradas da Deputación, xunto coas vías do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova. En total, suman 618 quilómetros de lonxitude. A firma Isidro Otero é a adxudicataria da conservación da Zona 2.