Vivendas para "sobrevivir" á onda de calor en Galicia? É posible, pero...con condicións
Consultámoslle a unha arquitecta dúbidas básicas sobre a eficiencia dos espazos residenciais diante das elevadas temperaturas que estamos a padecer en Galicia este verán.

Entrevista en Cope Galicia con Lucía Fernández, do COAG
Santiago - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
É unha frase moi repetida estes días nos que levamos soportando temperaturas tan elevadas: ”as nosas casas non están preparadas para esta calor!” Moito de certo hai nesta afirmación porque, lémbranolo a vogal da área técnica do Colexio de Arquitectos de Galicia, Lucía Fernández, Galicia conta cunha parte importante de vivendas de comezos da década dos 70, cando as esixencias de illamento eran distintas ás da actualidade, pensadas en parte máis para protexer do frío que da calor.
"As ventás, por moi boas que sexan, por moita protección solar que teñan eses vidros, a calor ten que entrar, é máis, no inverno é importante que poida entrar... pero no verán temos que protexernos do sol", explica Lucía Fernández. Por iso, as sucesivas actualizacións que se fixeron do Código Técnico de Edificación camiñan cara á regulación de tamaños de ventás que debe haber nas fachadas "dependendo das orientacións, e tamén as protección solares, ben sexan móbiles, como persianas ou contras, ou voladizos que protexen do sol no verán cando está máis alto pero no inverno déixano pasar..."
Foi sobre todo a partir de 2005 cando se comezaron a detallar medidas para ir cara a un maior equilibrio, porque a experta lembra que en "climas coma o noso, onde os invernos tamén poden ser fríos, sí que se precisa ese aporte do sol, pero no verán... hai que evitalo"

Unha parte importante do parque de vivendas en Galicia vén dos anos 70 do século pasado
O illamento no é o que che vai romper o presuposto da vivenda, é aconsellable investir aí
Vogal da área Técnica do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
Lucía Fernández explicounos en COPE Galicia que o ideal para mellorar o illamento nunha vivenda antiga é poder facelo por fóra, aínda que sexa algo máis custoso ao ter que instalar andamios, chegar a acordo cos veciños se é o caso dunha comunidade de propietarios... "Pero sempre hai algo que podemos acometer", como mellorar o illamento no interior ou cambiar as ventás, "o punto feble das vivendas", sinala.
No caso da vivenda nova, asegura que as melloras no tocante a illamento "non supoñen no montante da obra unha alta porcentaxe... supón máis, ao mellor, un revestimento máis luxoso no interior da vivenda ou algo así... A diferencia entre poñer un illamento de 8 centímetros ou de 12 centímetros é prácticamente imperceptible nun presuposto. Nunha vivenda de 400.000 euros, ao mellor son 2.000"
Outra peza fundamental, claro, é o deseño, que con custo cero, xa pode recoller moitas das esixencias precisas para optimizar o illamento da vivenda. "A orientación, o tamaño das ventás, a posición...xa as pensamos para que poida funcionar o mellor posible custando o mesmo"
cidades con máis "refuxios climáticos", vivendas máis habitables
Pero os Arquitectos galegos chaman a atención tamén sobre as necesidades de que a planificación urbanística, máis aló da construcción individual, se faga tamén pensando en que as cidades sexan climáticamente máis habitables.

Dispoñer de espazos verdes nunha cidade facilita facer fronte a temperaturas extremas
Lucía Fernández indica que é preferible optar por pavimentos drenantes no canto, por exemplo, de asfalto. "Pavimentos con máis xuntas, que permitan que medre o céspede ou non, pero que polo menos na superficie permitan recuperar o terreo orixinal".
Explica que a temperatura nunha rúa "varía moitísimo" dependendo de si o pavimento emprega asfalto, pero ademáis "necesitamos ter espazos de vexetación, de alivio das temperaturas... Espazos de sombra, a auga... axudan a que haxa máis frescor". Este benestar na rúa repercute tamén nas vivendas. "Ao final, pasamos boa parte da nosa vida en espazos construídos, é calidade de vida que temos que coidar e mellorar todo o que se poda".