Lugo vive un dos días máis importantes da súa Semana Santa coa presenza da Armada de Ferrol
Trala recepción oficial efectuada este luns a mediodía, se o tempo acompaña a Virxe da Esperanza procesionará a partir das 20:30 horas dende a Igrexa de A Nova

Recepción oficial no Concello de Lugo ao Tercio Norte da Armada
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
Tralo susto provocado pola borrasca do Venres de Dores, o Domingo de Ramos foi do máis plácido e este luns continúan os actos da Semana Santa de Lugo. De feito, sempre e cando o tempo acompañe, tócalle a quenda á Virxe da Esperanza, coa procesión ás 20:30 horas dende a Igrexa de A Nova, que contará co acompañamento do Tercio Norte da Armada de Ferrol.
A recepción oficial celebrouse este mediodía na Praza Maior, con representación de todas as institucións e partidos políticos, agás o Bloque Nacionalista Galego (BNG).

O alcalde Miguel Fernández recibe na Casa Consistorial aos altos cargos da Armada con motivo da celebración do Luns Santo
O presidente da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, destacou a "importancia dos actos do luns e o martes" malia non ser os días grandes dende un punto de vista litúrxico.
Do Martes Santo destaca especialmente a procesión do Bo Xesús e do Nazareno, ás 20:30 horas dende a Catedral Basílica, coa participación da Policía Nacional e o Exército de Terra, na que se representa o emotivo encontro de María con Xesús camiño do Calvario.
RECEPCIÓN DO ALCALDE nO SALÓN DE PLENOS
Este luns, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu no Salón de Plenos aos altos cargos da Armada, na tradicional parada militar que simboliza os lazos que ámbalas dúas institucións manteñen dende hai máis de 60 anos con motivo da celebración da Semana Santa. De feito, o novo almirante xefe do Arsenal de Ferrol, Gonzalo Villar Rodríguez, asinou no Libro de Ouro do Concello de Lugo.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o almirante xefe do Arsenal de Ferrol, Gonzalo Villar
Durante o acto, o rexedor lucense subliñou que "esta é unha ocasión que vai máis alá do protocolo. É un reencontro anual que pon en valor a historia compartida entre a nosa cidade e a Armada, e que reflicte a vontade de seguir cultivando un vínculo que se transmite de xeración en xeración".
Ademais, o rexedor puxo en valor a implicación do Arsenal de Ferrol na procesión da Virxe da Esperanza: "A súa presenza nas rúas de Lugo é sempre recibida con cariño pola veciñanza. Representa unha conexión viva co noso pasado e co noso sentir colectivo, e contribúe a reforzar o carácter singular da nosa Semana Santa".
"O impacto desta celebración non se limita ao seu valor espiritual ou cultural, senón que tamén ten unha repercusión directa na dinamización da economía local, atraendo visitantes e promovendo a cidade fóra da tempada alta", concluíu o alcalde en relación a esta procesión e a todos os pasos da Semana Santa de Lugo.
RELACIÓN SECULAR ENTRE LUGO E A ARMADA
A relación especial entre Lugo e a Armada ten a súa orixe nos anos da Guerra da Independencia, cando o Tercio Norte tomou parte activa na defensa da cidade, en 1809, derrotando aos franceses no sitio actual das Gándaras.
Esa vitoria evitou a toma da cidade polas tropas de Napoleón.
Xa a mediados do século XX, en 1953, o entonces ministro da Marina recibiu, no nome da Armada, o título de Irmán Maior Honorario da cofradía da Virxe da Esperanza e a partir desa data a Armada participa ininterrumpidamente nos actos da Semana Santa de Lugo escoltando na súa procesión á Virxe da Esperanza.

Recepción ao Tercio Norte da Armada na Praza Maior de Lugo