Ola, Ken! Son Barbie, e estou en Lugo...

O MIHL acollerá a partir deste mércores unha exposición con 180 edicións limitadas da boneca máis recoñecida do mundo

Lugo

Tiempo de lectura: 2' Actualizado 14:43

A película Barbie, que protagoniza Margot Robbie e dirixiu Greta Gerwig, con Ryan Gosling nunha interpretación estelar como actor de reparto, suma oito nominacións aos Premios Oscar 2024, despois de arrasar o pasado ano nas sala de cinema e, posteriormente, nas casas de millóns de persoas, a través das diversas plataformas de pago.

O caso é que este filme, que opta a premio nas categorías de Mellor Película, Mellor Actor de Reparto, Mellor Actriz de Reparto, Mellor Guión Adaptado, Mellor Deseño de Produción, Mellor Vestiario e Mellor Canción, deulle aínda máis visibilidade á boneca máis recoñecida do mundo, un produto da industria do xoguete que foi motivo de desexo e ilusión para moitas xeracións de nenos e nenas, ata o día de hoxe.

La actriz australiana Margot Robbie es la protagonista de la película 'Barbie', de Greta Gerwig


Pois agora, mentres agardamos para coñecer cal será a decisión dos membros da Academy of Motion Picture Arts and Sciences sobre o filme -aínda que algún ilustre compañeiro da COPE xa amosou o seu veredicto-, Barbie chega a Lugo.


Nova exposición no MIHL

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou a nova exposición que acollerá o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) a partir deste mércores 6 de marzo: Barbie: Cine e moda.

Trátase dunha mostra que reunirá nas instalacións do museo máis de 180 edicións limitadas da boneca máis recoñecida no mundo, "nalgúns casos de 25.000 exemplares e noutros de tan só 999 en todo o planeta", destacou a concelleira.

Ferreiro explicou que se trata "da primeira exposición en todo o estado dirixida ao mundo do cine e a moda; combinando cultura, historia e diversión para todos os públicos".

De feito, os visitantes poderán observar a evolución da boneca Barbie no tempo, con todas as edicións documentadas e datadas, expostas en urnas de metacrilato e acompañadas de máis de 40 carteis de películas que completarán o espazo.

Na exposición, insistiu a concelleira, destaca a vestimenta e as roupas das bonecas. Desde a súa creación, Barbie foi vestida polos grandes deseñadores de moda de todos os tempos: Armani, Versace, Pertegaz, Óscar de la Renta, Christian Dior e moitos máis.

"Algúns dos seus modelos podemos velos nesta exposición que conta, ademais, cun deseño realizado por Lorenzo Caprile en exclusiva" para a exposición, explicou Maite Ferreiro.

Maite Ferreiro habla de la exposición con sus promotores y otros ediles del BNG


Un paseo pola historia do vestido

A vestimenta de Barbie, destacou Ferreiro, "evolucionou ao longo dos anos reflectindo os cambios culturais e sociais dende o seu comezo nos anos 50, con vestimentas máis tradicionais, ata deseños contemporáneos, o que converteu á boneca en indicador visual das tendencias e valores de cada época".

"A partir dos modelos, poderemos observar a evolución histórica e creativa da boneca Barbie, comezando por roupas do Antigo Exipto, Grecia ou a Idade Media, pasando polo Renacemento e ou a época victoriana, e chegando aos comezos do noso século ata os nosos días", explicou.

Maite Ferreiro insistiu en que "a introdución de diferentes estilos, cores e patróns crea unha maior conciencia da diversidade na moda e na sociedade en xeral".

Así, a evolución da vestimenta de Barbie "non so vai tralas tendencias da moda, senón que tamén reflicte cambios máis amplos na percepción da beleza e a identidade", concluíu a concelleira.