Recta final para sumarse á carreira popular dos Rosales, que este domingo 25 pechará o seu prazo de inscrición
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou especialmente a participación do público familiar nesta tempada do circuíto Coruña Corre, “con pais, nais e crianzas que desfrutan xuntos de cada carreira”

Carretera de los Fuertes (Os Rosales- A Coruña)
Coruña - Publicado el
2 min lectura
Só queda semana e media para que A Coruña saia novamente correr pola cidade. Será nos Rosales, onde o vindeiro domingo 1 de xuño se celebrará a décimo segunda edición da súa carreira popular, cun trazado de case seis quilómetros e parcialmente renovado, que este ano sumará máis metros de percorrido polas rúas do barrio.
Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, animou a cidadanía a sumarse ás persoas que xa confirmaron a súa participación na proba. O prazo de inscricións rematará este domingo 25 de maio, ás 23.59 horas, “e a nosa meta é darlles un pulo nesta recta final, sabendo que a tempada de Coruña Corre chega agora ao seu ecuador e que volverá despois do verán”
Neste sentido, Os Rosales é a cuarta carreira deste ano, tras as xa disputadas na Torre de Hércules, Matogrande-Xuxán e San Pedro de Visma. A clasificación xeral do circuíto deixa, polo momento, a Álvaro Presedo e Inés López á fronte da táboa na categoría absoluta masculina e feminina, respectivamente
A este respecto, Manuel Vázquez lembrou que, máis alá da loita polo podio e os triunfos, “Coruña Corre é moi especial porque conta tamén con carreiras e percorridos adaptados a categorías inferiores e fomenta a práctica do deporte desde idades temperás, desde a sub-18 ata as nenas e nenos máis pequenos. Iso é moi importante porque un dos obxectivos do Goberno de Inés Rey é dar continuidade no tempo ao circuíto e fomentar a implicación das xeracións máis novas e abrirlles paso para que collan o relevo nun futuro”
Ademais, Coruña Corre segue a ser un circuíto cun marcado carácter familiar, con pais, nais e crianzas que desfrutan da xornada deportiva e compiten nas carreiras. “En cada carreira vemos persoas da mesma familia cruzando a liña de meta. Temos aí o caso das irmás Papín Estévez, por exemplo, pero hai moitos máis; e iso é un motivo de orgullo”, apuntou o concelleiro.
As persoas interesadas en se inscribiren na carreira popular dos Rosales poderán facelo a través desta ligazón.