• Viernes, 26 de abril 2024
  • ABC

COPE

PONTEVEDRA

"O modelo Pontevedra ten que evolucionar, deixar de pensar tanto no cemento e recuperar os espazos naturais"

O concelleiro e candidato ás primarias socialistas, Iván Puentes, explica a súa estratexia para conectar ós cidadáns cos ríos Lérez, Gafos e Valdecorvos e a Xunqueira de Alba

Audio

Iván Puentes en Mediodía Cope (28/09/2022)

Redacción de PontevedraPontevedra

Tiempo de lectura: 3'Actualizado 11:17

"Tralo progreso que supuxo o modelo de cidade peonil, chegou a hora de dar un paso adiante na estratexia de transformación urbana de Pontevedra. Chegou o momento da revolución verde e azul". O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, presentou en Mediodía Cope a súa estratexia para renaturalizar os ríos de Pontevedra, conectar o espazo urbano co contorno natural, e en especial co Lérez, e converter a este concello, tamén, en referente internacional en infraestrutura verde, restauración de ríos e loita contra o cambio climático. Un proxecto que se traducirá nunha vintena de actuacións, moitas delas en marcha e financiadas con fondos propios e procedentes de Europa, que suman uns 20 millóns de euros e que se enmarcan baixo a marca paraugas Pontevedra Flúe.

Un novo 'modelo de cidade 2.0' baseado nos ríos e nos ecosistemas vencellados a eles, seguindo as pautas que marcan os fondos procedentes da UE (a Concellería de Desenvolvemento Sostible leva xa captados uns 7 millóns de euros neste eido), que abrangue proxectos que marcarán a transformación da cidade e que xa están en marcha, como a renaturalización do río dos Gafos, da que o 50% da mesma poderá financiarse con fondos Next Generation; a recuperación da ponte do ferrocarril sobre o Lérez, cuxos traballos comezarán en vindeiras semanas, ou a restauración ambiental da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras (tamén con cartos concedidos dos fondos Next Generation). Ademáis, segundo apuntou Iván Puentes, "máis aló da rehabilitación da ponte do Burgo e da Illa das Esculturas, o Lérez foi quedando pendente, polo que é momento de abordar esa integración do río na cidade e de recuperar a conexión da cidadanía de Pontevedra co río Lérez e para iso é fundamental intervir nas súas ribeiras, cunha idea clarísima: rachar as barreiras duras e eses muros de contención que ten o río no seu espazo máis central, totalmente canalizado, e facer ribeiras naturais, verdes, con árbores e que permitan, ben con bancadas, ben con outro tipo de solución, o acceso ao río, o que nós chamamos neste proxecto mollar os pés no Lérez. Que poidamos baixar ao río, tocar a auga e recuperar a convivencia con ela. Non faremos outras praias, pero si zonas de relax, de solario e de acceso ao baño no centro da cidade".

Un plan que ten diferentes niveis de concreción. Así, actuarase na Illa das Esculturas, un espazo xa moi recuperado, pero cunha ribeira non accesible e artificial; no treito que discorre polas inmediacións do Pazo da Cultura (onde se celebra actualmente o mercadillo ambulante), con dúas intervencións planificadas, que son o parque de xogos de auga do parque Rosalía de Castro (con traballos que se iniciarán nas vindeiras semanas) e a creación dunha zona de relax vencellada ao Lérez; no contorno do Pavillón Municipal dos Deportes, onde se combinará o actual uso de aparcadoiro, optimizando un estacionamento que se atopa en condicións estéticas e ecolóxicas moi mellorables, con dous tratamentos: un máis próximo á ribeira do río, creando zonas de estar e de acceso á auga, e outro na zona máis próxima ao Pavillón, renaturalizando o aparcadoiro cun ámbito permeable que permita a filtración de auga de choiva e amplas zonas de sombra e arborado (integrando ese espazo, hoxe inhóspito, no perímetro verde do Lérez), e no contorno da Xunqueira de Alba e o nó de Bombeiros, onde se renaturalizará a ribeira e se integrarán as instalacións de Costas e doutras administración no grande espazo verde da Xunqueira do Alba (un camiño que xa iniciou a Deputación co traslado da Imprenta e do Parque de Maquinaria).


Balsas de inundación naturais para resolver os asolagamentos que provoca o Valdecorvos en Padre Fernando Olmedo

Iván Puentes indicou que "outro proxecto interesante é o que ten que ver coa conexión da senda do Lérez, que vén desde Bora, coas sendas que Poio está proxectando ata Combarro, de xeito que teñamos unha senda peonil e ciclista que conecte, como mínimo, Bora con Combarro, sabendo que a de Bora se pode continuar río arriba ata practicamente o nacemento do río".

"Imos actuar na zona verde de Valdecorvos -afirmou o concelleiro-, superando o que a día de hoxe é unha senda fluvial e aproximándomos ao que debemos xerar alí, que é un grande parque urbano dunha tipoloxía semellante a esta Illa das Esculturas. Ademais, toda esta revolución verde e azul ten unha compoñente non menor, que é a de mellorar o comportamento e a resiliencia de Pontevedra fronte ás consecuencias do cambio climático, como as inundacións. Todos os regatos, leitos fluviais e ríos teñen que estar preparados para o clima diferente que xa estamos comezando a ter e que teremos con maior acento nos vindeiros tempos, con choivas máis torrenciais, con avenidas de auga moito maiores... O de Valdecorvos é un regato pequeno, con pouca auga, pero que é dos que máis problemas está a ocasionar a día de hoxe cando hai choivas torrenciais. Cando chove moito e a marea está alta, Padre Fernando Olmedo, na zona do Estadio da Xuventude, inúndase sempre. Por iso, en colaboración coa Universidade, crearemos un proxecto piloto e pioneiro en Galicia, consistente en crear balsas de inundación naturais ou pequenos lagos artificiais que se crearían na zona de Valdecorvos e que permitirían derivar a auga cando chove e o caudal do regato medra exponencialmente. Cando a marea baixa, podería sacarse de novo a auga e desembalsala no río".

Radio en directo COPE
  • item no encontrado

En directo

Directo Herrera en COPE

Herrera en COPE

Con Carlos Herrera

Escuchar