Editorial Galaxia recibe o Premio Trasalba 2025 no seu 75 aniversario
A Fundación Otero Pedrayo resalta a relación de Galaxia co Patriarca das Letras Galegas, que foi o seu presidente dende a súa fundación en 1950 e ata o seu pasamento en 1976
O presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, acompañado do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, entregan o Premio Trasalba a Antón Vidal, presidente de Galaxia
Ourense - Publicado el
2 min lectura
O Premio Trasalba 2025 distingue á Editorial Galaxia que cumpre o seu 75 aniversario. Nun acto literario celebrado no Pazo-Museo Otero Pedrayo, resaltouse a especial vinculación de Ramón Otero Pedrayo coa Editorial durante toda a súa vida.
A xornada iniciouse cunha reunión do Padroado da Fundación Otero Pedrayo na Biblioteca do Centro de Estudos Oterianos e a actuación da Banda de Gaitas de Amoeiro. Xa no Salón de Actos do Pazo-Museo desenvolveuse o acto de entrega do Premio Trasalba que cumpre a súa 43ª edición.
A entrega do Premio Trasalba ten lugar neste acto literario para destacar a figura dun persoeiro clave da literatura galega.
A mesa que presidía o acto estaba constituida por: o presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo e presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira; a secretaria de Fundación, Patricia Arias; Premio Trasalba 2024, Maribel Outeiriño; e o Premio Trasalba 2025, Antón Vidal, presidente de Galaxia.
O presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, deu a benvida a todos e resaltou a especial vinculación de Otero Pedrayo con Galaxia xa que foi o seu presidente dende a súa fundación en 1950 ata o seu pasamento en 1976. Posteriormente a secretaria, Patricia Arias, procedeu a dar lectura a acta de concesión do Premio Trasalba 2025.
Victor F. Freixanes foi o autor da Laudatio. Freixanes é autor dunha poderosa producción narrativa e, tras o pasamento de Carlos Casares, converteuse no director xeral de Galaxia. Na súa intervención realizou un percorrido pola existencia da Editorial e resaltou a “importancia da experiencia de Galaxia para a nosa xeración” e a “importancia dos libros como símbolo e como transmisores de cultura”. Freixanes destacou que ten unha “rica traxectoria de producción e logros, e segue viva con ilusión e enerxía como aquela reunión que presidiu Otero Pedrayo o 25 de xullo de 1950”.
Posteriormente o catedrático emérito da USC, autor senlleiro de Galaxia e membro do Padroado, Xesús Alonso Montero, presentou o libro homenaxe dedicado á editorial titulado “Crear Porvir. 75 aniversario da Editorial Galaxia”.
O acto continuou coa entrega por parte do presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo á xornalista Maribel Outeiriño do libro de fotos lembranza do acto do Premio Trasalba 2024.
O público disfrutou da música de María do Ceo con pezas musicais como “Lela” cun poema de Castelao ou “Trasalba Verde Luz” cun poema de Otero Pedrayo.
O presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, acompañado do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, foron os encargados de entregar o Premio Trasalba a Antón Vidal, presidente de Galaxia.
O acto da 43 edición do Premio Trasalba concluiu, como cada ano, coas palabras de Otero Pedrayo