Primeiros pasos para construir decenas de vivendas públicas en Lugo: licitado o proxecto dun edificio con 24 pisos na Piringalla
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, por importe de máis de 196.000euros, cuxo prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 14 de agosto
Lugo - Publicado el
2 min lectura
A Xunta ven de licitar a redacción dos proxectos básicos e de execución e dirección de obra para a construción de 24 vivendas de promoción pública na rúa Angelo Collocci, en Lugo, cun investimento estimado que roldará os 4,4 millóns de euros.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, por importe de máis de 196.000 euros e un prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 14 de agosto.
O obxectivo é a construción dun edificio na parcela UA-N7, ubicada na rúa Angelo Collocci, unha das seis cedidas polos Concello de Lugo. Nese solar a Xunta ten previsto construir un total de 137 vivendas de promoción pública, cun investimento estimado de 20,9 millóns de euros.
En relación ás outras parcelas cedidas, o goberno galego xa ten tamén en licitación a redacción dos proxectos para a construción de 63 vivendas de promoción pública na zona de Paradai. Ademais, está en marcha a contratación da redacción do proxecto para executar 50 vivendas de aloxamento temporal e compartido para menores de 36 anos na rúa Illa Coelleira.
máis vivenda pública en Lugo
A Xunta segue a traballar para incrementar o parque público residencial na cidade de Lugo, onde tamén está en execución no barrio de Garabolos a construción de 4 inmobles, que suporán máis de 460 vivendas protexidas; e no centro histórico, na rúa Catedral 18 e 22, onde serán rehabilitados 2 edificios ao abeiro do programa Rexurbe, para crear dous fogares.
O Goberno galego tamén avanza no desenvolvemento da 1ª fase da Estratexia Galega de Solo Residencial, en colaboración cos concellos, para facilitar solo destinado á construción de 25.000 vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres.
En Lugo, o executivo autonómico está a redactar o Proxecto de Interese Autonómico no ámbito do barrio do Sagrado Corazón, no cal se prevé a urbanización de solo para 1.200 vivendas.