A Muralla de Lugo celebra o seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade cun programa cheo de música, cultura e participación cidadá

Lugo prepárase para vivir tres semanas de celebracións que combinarán memoria historia e emoción con máis de quince actividades organizadas polo Concello con motivo dos 25 anos da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial da UNESCO

Chema Núñez

Lugo - Publicado el - Actualizado

3 min lectura

O alcalde Miguel Fernández e o tenente de alcalde Rubén Arroxo presentaron un programa que busca implicar a toda a cidadanía nunha efeméride que enche de orgullo a cidade. A Muralla romana, “a máis completa do planeta”, converterase durante novembro no epicentro dunha ampla oferta cultural, musical, teatral e deportiva, que unirá tradición e modernidade para celebrar este cuarto de século como símbolo de identidade lucense.

Primeiros acordes e homenaxes institucionais

As celebracións comezarán o 7 e o 11 de novembro con dous concertos no auditorio Fuxan os Ventos: o do recoñecido baixista Victor Wooten & The Wooten Brothers e o do lendario pianista Chucho Valdés, gañador de múltiples premios Grammy. O 12 de novembro chegará a visita do alcalde de Viana do Castelo, cidade irmá de Lugo, e o 13 acollerase a Executiva do Eixo Atlántico, nun xesto de unión entre Galicia e o norte de Portugal. Ese mesmo día, o grupo de jazz March Mallow actuará no Círculo das Artes dentro do Festival de Jazz de Lugo.

Cultura para todos os públicos

O 19 de novembro, o pianista James Rhodes, moi vinculado a Galicia, ofrecerá un concerto íntimo no Fuxan os Ventos. A programación continuará con teatro e maxia: os días 22, 23, 29 e 30 o Mago Rafa levará a súa ilusión ás rúas, mentres diferentes compañías locais protagonizarán un percorrido teatral pola Muralla, con pequenas representacións nas súas portas históricas.

O 27 de novembro, empresas, centros educativos e veciñanza rodearán a Muralla nun abrazo simbólico, unha acción colectiva coa que Lugo expresará o seu cariño por este monumento milenario. Ese día tamén haberá contacontos familiares coa profe Alba no MIHL, e teatro para adultos co espectáculo Ellos y Yo, de Jordi Font, que combina teatro de obxectos e videomapping nunha proposta emotiva e visual.

Unha fin de semana máxica e saborosa

Entre o 28 e o 30, varios establecementos hostaleiros ofrecerán unha Tapa Conmemorativa inspirada na Muralla. O 29 de novembro será unha xornada especial: o desfile das asociacións do Arde Lvcvs volverá vestir Lugo de historia, seguido dun concerto da Banda Filarmónica de lugo no Fuxan os Ventos e dun espectacular show de drons sobre o parque Rosalía de Castro, cunha coreografía aérea de máis de 150 drons sincronizados coa música de Abraham Cupeiro, que converterá o ceo lucense nun lenzo de luz e sons. 

Clausura e lembranza

O 30 de novembro, a xornada final incluirá unha ruta ciclista arredor da Muralla, o concerto da Banda Municipal de Lugo na Praza Maior, e a representación infantil SUM, premio Fetén 2025, no auditorio Gustavo Freire, pensada para que tamén os máis pequenos celebren a efeméride. A celebración culminará cun acto institucional no auditorio Fuxan os Ventos, que reunirá a protagonistas do ámbito político, xornalístico e cultural daquel histórico 30 de novembro do ano 2000. A música da orquestra Terra Nova e outras sorpresas poñerán o broche de ouro a unha noite que promete ser inesquecible.