Lugo pon en valor o patrimonio doméstico coa restauración de mobles no Burgo
A veciñanza adquiriu coñecementos para recuperar auténticas xoias herdadas ao tempo que reforzou os lazos comunitarios grazas a unha iniciativa da Área de Participación e da Deputación de Lugo

Formación para conservar a memoria no Burgo
Lugo - Publicado el
1 min lectura0:28 min escucha
A parroquia do Burgo vén de pechar unha nova edición do curso de restauración de mobles promovido pola Área de Participación en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, unha iniciativa que combina a aprendizaxe de oficios tradicionais coa dinamización da vida veciñal.
Formación para conservar a memoria
Durante o curso, as persoas participantes achegáronse ás técnicas básicas da restauración de mobles, adquirindo coñecementos prácticos e teóricos que lles permitiron recoñecer materiais, aprender métodos de arranxo e recuperar acabados desgastados. Unha aprendizaxe que serviu para poñer en valor auténticas xoias que moitos veciños e veciñas gardan nas súas casas, en moitos casos pezas herdadas dos seus maiores cun alto valor sentimental e patrimonial.
Unha comunidade activa e participativa
Máis alá do aspecto formativo, o curso contribuíu a fortalecer o espírito comunitario do Burgo, funcionando como un punto de encontro no que compartir experiencias, saberes e tempo en común. A iniciativa amosou como a veciñanza, ademais de actuar como unha comunidade cohesionada, é capaz de implicarse activamente na conservación do seu patrimonio e na transmisión de coñecementos.
Apoio ao asociacionismo local
A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, compartiu coa veciñanza o peche da formación e destacou que “estes cursos non só transmiten coñecementos, senón que tamén fortalecen o tecido comunitario e animan á participación activa”. López subliñou ademais que se trata “dunha maneira de apoiar ás asociacións veciñais e de achegar ferramentas útiles á cidadanía”, valorando moi positivamente o resultado dunha iniciativa que vén de finiquitar con boa acollida no Burgo.



