Arroxo impulsa en Lugo a nova mobilidade: máis liñas, máis quilómetros e tecnoloxía para seguir batendo récords

O Concello abre un proceso participativo ante o remate da concesión do bus urbano para deseñar unha rede máis ampla, moderna e eficiente

Rubén Arroxo, presentou as liñas mestras da “nova mobilidade en Lugo”
00:00
Chema Núñez

Rubén Arroxo, presentou as liñas mestras da “nova mobilidade en Lugo”

Chema Núñez

Lugo - Publicado el - Actualizado

4 min lectura

A Área de Mobilidade e Infraestruturas do Concello de Lugo, que dirixe o tenente de alcalde Rubén Arroxo, presentou as liñas mestras da “nova mobilidade en Lugo” de cara aos vindeiros anos. A proposta chega nun momento clave, ante o inminente remate do contrato coa empresa concesionaria do transporte urbano.

O Goberno local deixa claro que non renovará o contrato nas actuais condicións. A intención é dotar á cidade dunha nova estrutura de liñas, máis ampla e adaptada á realidade dunha cidade moderna, co obxectivo de incrementar aínda máis o uso do autobús urbano e seguir batendo récords. Lugo mantense hoxe como a cidade co billete máis barato de Galicia e o terceiro máis económico de España, unha posición que o Executivo quere preservar cunha eventual suba “moi lixeira e moderada”.

Participación cidadá para definir a nova rede

A nova etapa abrirase cun proceso de consultas e suxestións á cidadanía. O Concello habilita un período de participación para que usuarios e veciñanza poidan facer achegas á configuración das novas liñas.

Desde a área que xestiona o BNG programáronse encontros informativos en distintos barrios e parroquias para explicar o proxecto e recoller propostas. Ademais, as suxestións tamén poden enviarse ao correo electrónico: mobilidade@lugo.gal

Entre as cuestións que se porán sobre a mesa está o incremento da rede en quilómetros, que podería situarse arredor dun 30% máis, segundo os primeiros cálculos. Tamén se prevé a intensificación de frecuencias en zonas en expansión, como San Fiz, se mantén o actual ritmo de crecemento, ou a adaptación á futura estación intermodal.

Máis liñas, máis quilómetros e mellor servizo

Arroxo, presentando a nova mobilidade de Lugo

Chema Núñez

Arroxo, presentando a nova mobilidade de Lugo

O groso da reforma centrarase na nova rede de bus urbano, que ampliará liñas e percorridos para dar resposta a novos desenvolvementos urbanos e necesidades veciñais. O novo contrato permitirá que diferentes empresas poidan optar á concesión e incluirá cláusulas que faciliten a ampliación e mellora do servizo sen ter que agardar ao remate da concesión para introducir cambios.

O investimento anual da nova estrutura podería situarse entre 1,5 e 2 millóns de euros, aínda que a cifra definitiva dependerá da ampliación en quilómetros e das condicións técnicas que se fixen nos pregos. O Concello confía en que o aumento de usuarios contribúa a reducir o custo total do servizo, xunto coas subvencións estatais vinculadas á ampliación da rede.

Tecnoloxía e información en tempo real

Outro dos piares da nova mobilidade será a mellora da información ao usuario a través das novas tecnoloxías. O obxectivo é que a cidadanía poida consultar en tempo real o paso dos autobuses mediante ferramentas como Google Maps, sen necesidade de descargar aplicacións específicas —aínda que tamén se valorará dispoñer dunha app propia se é preciso—.

Esta aposta busca facer o servizo máis accesible, intuitivo e competitivo fronte ao vehículo privado.

Aposta pola mobilidade sostible

Os novos pregos incluirán unha aposta clara polas enerxías renovables e, de maneira específica, polo bus eléctrico, máis silencioso e menos contaminante. A transición cara a unha frota máis ecolóxica será progresiva, mais figura como unha prioridade no novo modelo.

Reforzo da mobilidade sostible no rural e nos centros educativos

A nova mobilidade en Lugo non se limita ao transporte urbano convencional. A área tamén reforza os vieiros escolares, que permiten que máis de 80 nenos e nenas se despracen a diario a pé aos seus centros educativos acompañados por monitores.

Ademais, xa está en funcionamento o servizo de transporte a demanda na zona rural, que atende catro núcleos de dúas parroquias onde non era viable establecer unha liña regular de autobús.

Representantes da área de Mobilidade manterán encontros coa veciñanza en Nadela, e tamén o luns 23 e martes 24 ás 18:30 horas no Centro Social Maruja Mallo; o mércores 25 ás 18:30 no Centro Social Uxío Novoneira; o xoves 26 e o venres 27 no Centro Social María Balteira; o luns 2 de marzo ás 19:30 no Centro Social de Fingoi; e o martes 3 de marzo ás 19:30 horas no Centro Social de Lamas de Prado.

Con esta folla de ruta, o Concello busca configurar unha nova mobilidade para Lugo máis ampla, participativa e adaptada ao futuro, co reto de seguir aumentando o número de usuarios e consolidar o transporte urbano como unha alternativa eficaz, sostible e accesible para toda a cidadanía.

Temas relacionados

Escucha en directo

En Directo COPE LUGO

COPE LUGO

En Directo COPE MÁS LUGO

COPE MÁS LUGO

La Linterna

La Linterna

Con Ángel Expósito

Lunes a viernes de 19:00h a 23:30h

Programas

Último boletín

5:00H | 20 FEB 2026 | BOLETÍN

Boletines COPE
Tracking