O Bispo de Tui-Vigo convida a unha "oración agradecida" polo eterno descanso do Papa
Don Antonio Valín: "grazas pola súa palabra, pola súa sinxeleza, por tantos xestos fondamente evanxélicos"
Vigo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O Bispo dá Diócese Tui-Vigo, don Antonio Valín, escribiu este luns unha carta a todas as parroquias e comunidades diocesanas con motivo do pasamento do Papa Francisco. O Bispo lanzou unha mensaxe de tristeza pero tamén de esperanza e de fe na Resurrección, e convidou a todo o mundo a unirse nunha "oración agradecida" polo eterno descanso do Papa.
A continuación reproducimos íntegramente a carta do Bispo da Diócese Tui-Vigo, Monseñor Antonio Valín.
Benqueridos/as irmáns/ás:
«Hoxe na Igrexa resoa finalmente o aleluia, transmítese de boca en boca, de corazón a corazón, e o seu canto fai chorar de ledicia ao pobo de Deus en todo o mundo».
Con estas palabras iniciaba o papa Francisco a súa mensaxe Urbi et orbi na mañá de Pascua. Incidíanos no anuncio da Resurrección do Señor e na nosa esperanza regalada por Cristo.
Nesta mañá recibimos con tristeza a noticia do pasamento do papa Francisco. Sabíamos da debilidade que estaba vivindo desde que ingresou no Hospital, pero en todos nós latexaba o desexo da súa pronta recuperación para seguir guiándonos coa súa palabra e xestos. Se onte as bágoas eran de ledicia, como nos dicía o papa, hoxe son de tristeza esperanzada. Proclamamos unha vez máis a nosa fe na Resurrección do Señor e na vida nova que El nos trae. Exclamamos tamén agora: Cristo, a nosa esperanza, resucitou!.
Bendicimos a Deus polo regalo que nos fixo no papa Francisco e damos grazas pola súa palabra, pola súa sinxeleza, por tantos xestos fondamente evanxélicos e por facernos máis próximos a Cristo vivo, presente no mundo e na Igrexa á que tanto quería, e á que tan ben serviu. Agradecemos toda a súa existencia e o seu testemuño, a súa entrega e o seu amor; confiamos que o Deus da Vida o acolle cunha aperta chea de tenrura.
Invítovos a que en todas as parroquias e comunidades diocesanas, tamén na oración persoal de cadaquén, elevemos unha oración agradecida polo seu eterno descanso, confiando na misericordia de Deus, que todo o pode. A nivel diocesano, teremos máis adiante e xa o comunicaremos, a celebración da Eucaristía polo seu eterno descanso, na catedral de Tui e na concatedral de Vigo. Pidamos, neste momento, por cantos formamos a Igrexa. Dicíanos onte o papa: «os que esperan en Deus poñen as súas fráxiles mans na súa man grande e forte, déixanse erguer e comezan a camiñar; xunto con Xesús resucitado convértense en peregrinos de esperanza, testemuñas da vitoria do Amor». Camiñemos en esperanza agora e sempre. Non perdamos nunca esta esperanza, porque Cristo resucitado é o fundamento desa esperanza.
Señor, acolle ao noso papa no teu amor e tenrura, que brille para el a luz eterna.
O voso amigo e irmán
Antonio Valín
Bispo de Tui-Vigo