Pontevedra será un ano máis a capital galega da música

Este venres presentouse a gala dos Premios Martín Códax da Música que acollerá este 28 de maio o Pazo da Cultura de Pontevedra. Entrevistamos a Sheila Patricia, responsable de Músicas ao Vivo

Redacción COPE Pontevedra

Pontevedra - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

Pontevedra volve ser o escenario da Gala dos Premios Martín Códax da Música, organizada por Músicas ao Vivo, que celebrará a súa décimo segunda edición o mércores 28 de maio a partir das 20:30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. O evento, segundo destacou o concelleiro de Cultura Demetrio Gómez, é “unha das citas obrigadas da música galega e da primavera pontevedresa” e supón un recoñecemento ao talento musical do país.

O Concello de Pontevedra, que apoia os premios desde o primeiro ano, acolle de novo este evento grazas ao traballo conxunto con entidades como a AGADIC, a Deputación de Pontevedra, Adegas Martín Códax e a propia asociación Músicas ao Vivo.

 Un espectáculo con identidade e humor  

A gala será conducida pola regueifeira Lupe Blanco e o bailador e músico Xisco Feijóo, quen tamén asinan o guión dun espectáculo que se anuncia como “áxil, dinámico, estruturado en bloques e en clave de humor”. A música será o fío condutor dunha cerimonia deseñada para emocionar e conectar co público.

A escenografía estará a cargo de Diego Valeiras, e a banda sonora correrá a cargo do grupo compostelán Ailá, que trae á gala unha proposta festiva e baseada na tradición oral, directamente ligada ao Día das Letras Galegas, este ano dedicado ás cantareiras. Entre muiñeiras, xotas e rumbas, a gala renderá homenaxe ás mulleres que transmitiron xeración tras xeración a riqueza musical de Galicia.

 Recoñecemento ao grupo Leilía e participación do público  

Nesta edición entregaranse 20 galardóns, entre eles o Premio Honorífico ao grupo Leilía, un referente da música tradicional feminina, e o de Artista Emerxente, cuxos finalistas son Ash Diz, Paracetafolk e Ulex. Desde a organización tamén se avanza que haberá algunhas sorpresas reservadas para a noite da gala.

A gala poderá seguirse en directo a través de premiosmartincodaxdamusica.gal e da plataforma agalega.gal, xa que o espazo para público presencial é limitado, dado o número de finalistas e os seus acompañantes. A organización anunciará nas redes sociais, o luns anterior ao evento, se hai prazas dispoñibles.

 Últimos días para votar os premios  

A presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia, lembrou na presentación celebrada en Pontevedra que o público pode votar ata o domingo 25 de maio na web oficial dos premios. O resultado final combinará os votos do público (50%) co dos socios e socias da asociación (50%), mediante un sistema de baremación.

Pontevedra volverá vibrar co mellor da música galega nunha gala que promete combinar tradición, emoción e modernidade, e que consolida á cidade como referente na organización de grandes eventos culturais.

Temas relacionados