A derradeira clase de Frank Soutelo en Pontevedra

Entrevistamos a Miguel Anxo Fernández, docente de Comunicación Audiovisual, que se xubila logo de máis de dúas décadas de ensinanza universitaria no campus pontevedrés

José Jardón

Pontevedra - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

A Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra viviu a semana pasada un dos seus momentos máis emotivos coa xubilación de Miguel Anxo Fernández, profesor, escritor de ficción e crítico de cinema, que se despide tras 46 anos de docencia, os últimos 20 neste centro universitario. Afeito ás despedidas discretas, o docente viu como o seu alumnado organizaba unha homenaxe durante a que foi a súa última clase.

"Foi inesperada e insospeitada" confesa emocionado pola sorpresa tras unha xornada que o deixou sen palabras. A diferenza das súas anteriores despedidas, esta foi especial pola presenza de antigos alumnos que se achegaron á facultade para amosarlle o seu cariño. Aínda que tamén acudiron compañeiros, foron os estudantes de onte e de hoxe quen marcaron a diferenza neste adeus.

 Un mestre vocacional cunha conexión moi directa co seu alumnado  

Recoñecido como un dos profesores "máis populares e queridos" polo seu alumnado, Miguel Anxo Fernández atribúe parte desa conexión á súa proxección pública como autor e crítico cinematográfico en distintos medios de comunicación, aínda que sempre defendeu que a súa verdadeira vocación foi a docencia que o ocupou gran parte da súa vida.

"Entraba na aula coa ilusión de transmitir coñecementos a quen me quixese escoitar", lembra. As súas clases, centradas na comunicación e no cinema, estaban marcadas por un estilo didáctico próximo, apoiado en anécdotas, historias e un enfoque ameno para manter o interese do alumnado.

Ao longo de dúas décadas no campus, foi testemuña da evolución do perfil estudantil: da xeración da transición ao dixital á do TikTok. Mentres que antes soñaban con dirixir cinema, hoxe manexan cámaras desde un móbil, aínda que con dificultades crecentes en habilidades humanísticas, como a expresión escrita na que fai moito fincapé. Porén, MAF cre que a tendencia comeza a reverterse nestes últimos cursos.

 Un legado de talento galego no audiovisual  

Preguntado polo mellor da súa carreira, Miguel Anxo teno ben claro: as satisfaccións, todas. Aínda que lamentou a precariedade de medios nos inicios da titulación (como a falta de proxectores axeitados), resaltou que a súa verdadeira recompensa foi o cariño do alumnado e velos medrar profesionalmente.

Sen querer destacar nomes concretos, mostrouse orgulloso das ducias de profesionais formados nas súas aulas que hoxe traballan no audiovisual galego e español, algúns incluso no ámbito internacional. "É talento 100% galego e do campus de Pontevedra", subliña.

Miguel Anxo Fernández despídese da Uvigo co recoñecemento de varias xeracións, deixando unha pegada profunda entre quen pasaron polas súas clases. A súa marcha non foi silenciosa, como el imaxinara, senón unha homenaxe sincera a unha vida dedicada a ensinar, contar e emocionar.