Máis de 270 maiores de Soutomaior viven un día de festa en Ourense e Carballiño

Unha excursión organizada polo Concello de Soutomaior levou a máis de 270 persoas maiores de 65 anos a desfrutar dunha xornada inesquecible en Ourense e Carballiño, con visitas guiadas, comida e verbena

Foto do programa RONSEL

Redacción COPE Pontevedra

Pontevedra - Publicado el

2 min lectura

Unha xornada inesquecible viviron máis de 270 maiores de 65 anos do Concello de Soutomaior o pasado domingo, 11 de maio, grazas á excursión organizada polo programa Ronsel da Concellería de Igualdade e Benestar Social. A iniciativa, que se ofrece de balde aos maiores do municipio, levou aos participantes a descubrir a cidade de Ourense e o Parque Municipal do Carballiño.  

A excursión contou coa presenza e o apoio do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, a concelleira de Asociacións, Charo Bouzón, a concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña e o concelleiro de Réxime Interior, Diego Moreira. Os representantes municipais acompañaron aos maiores nun día deseñado para promover o avellentamento activo e o lecer a través do contacto cos espazos naturais, a cultura, a historia e a natureza.  

A xornada comezou co traslado en autobús dende Soutomaior ata a cidade de Ourense. Á chegada, os cinco autobuses dividíronse en grupos para realizar unha visita guiada polo Casco Antigo da Cidade das Burgas, onde os maiores puideron mergullarse na rica historia da cidade.  

Sobre as 13:15 horas, a expedición partiu cara ao Parque Municipal do Carballiño. Alí, foron recibidos polo alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, e o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, quen obsequiaron ao alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, cun prato da Festa do Polvo, un dos símbolos máis emblemáticos da vila. Ambos alcaldes ofreceron unha cálida benvida a todos os presentes.  

Tras as palabras de agradecemento, chegou un dos momentos máis agardados: o xantar. Os asistentes puideron degustar un completo menú que incluíu entrantes, prato principal (a escoller entre carne ou peixe), sobremesas, café e chupitos.  

Pola tarde, a partir das 16:30 horas, a festa continuou coa verbena amenizada polo Trío Tic Tac, que puxo a bailar a todos os presentes. A xornada concluíu ás 19:00 horas co regreso a Soutomaior, tras un día cheo de desfrute e diversión.  

O Concello de Soutomaior anunciou que xa comezou a traballar na organización da excursión do próximo ano.