O Pino (A Coruña) aumenta o menú para a Festa do Galo Piñeiro: unha media maratón para "facer boca"

A Festa do Galo Piñeiro e a Mostra Cabalar de O Pino celebran esta fin de semana a súa edición número vintecatro e non paran de incorporar novas propostas

Patricia Iglesias

Santiago - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

"A primeira fin de semana de agosto xa sabemos que Galicia arde en festas..." Quen o di é o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, que claro...varre para casa porque dende hai 24 anos xa, este concello coruñés vén celebrando unha das citas máis multitudinarias destas datas nas que se combina tradición, gastronomía, ocio...e dende este ano, tamén deporte.

Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, declarada de Interese Turístico de Galicia, naceu co obxectivo de poñer en valor e tratar de recuperar unha especie con raíces na época celta. Andando o camiño, seica a meta tense cumprido.

"Acude xente con galiñas de raza piñeira desde Asturias ou o País Vasco: pensábamos que isto era da comarca da Arzúa... pero grazas a esta festa, está extendida por todas partes!", explica Taboada. E os que veñen un ano, ademáis de que recuncan, actúan como "embaixadores" da Festa alí de onde son.  Dende Portugal flétanse tamén excursións para gozar deste evento

Concello de O Pino

O galo piñeiro é o gran protagonista da Festa

Temos un cartel para disfrutar en familia ou cos amigos da fin de semana e levar un bo sabor de boca

Manuel Taboada

Alcalde de O Pino

O domingo é o día grande, coas exhibicións tanto de aves como de cabalos dende primeras horas da mañá, pero a tarde do sábado estrea unha das novidades do programa deste 2025: unha media maratón entre Arzúa e O Pino.  

Anúnciase unha fin de semana de temperaturas elevadas, pero con todo hai arredor de trescentas persoas inscritas, entre grandes e pequenos, para a cita que arrancará ás 19:30 dende a capela da Madanela, en Arzúa, con chegada ao concello de O Pino.  Pouco despois, ás 19:50, parte a proba para os que no canto de 21 quilómetros prefiran estrearse na competición cun percorrido máis levadeiro, de  8 km, desde a parrillada A Esquipa, con chegada tamén á praza do Concello.

Taboada explica que xa hai anos se celebraba unha proba deportiva que unía  Arzúa e O Pino, "O Gran Camiño", que agora quixeron recuperar, con outra denominación máis acaída: "Os 21 do Galo Piñeiro". Ao remate haberá xa unha primeira degustación de galo, que cómpre repoñer forzas para non perder nada da ampla oferta que vén despois.

Da música encárganse formacións como a Banda Municipal de Arca, Píscore e Queiman o sábado e Eme Music, o dúo Ciclón ou a orquesta La Ocaband, o domingo, cando se celebra o xantar popular no que tradicionalmente participa arredor dun milleiro de persoas. 

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, será este ano o encargado de dar o pregón. A programación do domingo inclúe tamén outra novidade este ano: unha exposición de vehículos de época.  E Feira de Artesanía de Galicia, espectáculo Ecuestre, animación para os cativos...Todo, entre a tarde do sábado e o domingo, sen sair de O Pino.